O 37% dos mortos por gripe non se puxeron a vacina a pesar de tela prescrita

Mentres, o 63% dos que enfermaron desta doenza e terminaron falecendo si estaban vacinados

Case o 37% dos falecidos este ano por mor da gripe, 122 ata o momento, non recibiran a vacina contra esta enfermidade a pesar de tela prescrita polas súas circunstancias, mentres que o 63% enfermaron desta doenza e terminaron falecendo a pesar de que si estaban vacinados. Así o explicou este luns a Consellería de Sanidade no balance final da Campaña de Vacinación Antigripal 2016, que recolle que máis de medio millón de galegos -514.907- recibiron a súa dose durante este período, un 5,69% máis que hai un ano. Do total de vacinas postas, 370.540 corresponderon ao grupo de persoas de 65 ou máis anos, cuxa cobertura subiu case dous puntos en relación coa campaña anterior, ata o 56,03%. Por sexos, a cobertura foi máis acusada en homes -57,87%- que en mulleres -54,68%-. Ata o 5 de marzo declaráronse por esta patoloxía 1.915 ingresos hospitalarios con gripe confirmada. Das persoas ingresadas, o 6,9% necesitaron ser asistidas na UCI, o 92,3% tiñan algún factor de risco e o 43,3% non estaban vacinadas.

POR GRUPOS DE IDADE No subgrupo de persoas de 56 a 69 anos, as persoas vacinadas foron 68.223, o que supón unha cobertura do 41,34%. Segundo indicou Sanidade, este grupo foi destinatario da actividade do Sergas 'Promoción da Vacinación Antigripal 2016', que consistiu en realizar chamadas telefónicas a persoas que non acudiron espontaneamente ao seu centro de saúde para ser vacinados. Así mesmo, no subgrupo entre 70 e 74 anos, as persoas vacinadas foron 81.204, cunha cobertura do 55,29%; mentres que no de 75 ou máis anos foron 221.293, cunha cobertura do 63,28%. Por provincias, as taxas de cobertura máis elevadas corresponden a Lugo e Ourense que, en persoas maiores de 75 anos alcanzan unha cobertura do 66,48% e do 68,26%, respectivamente. O número de dose de vacina antigripal administradas en persoas de entre 60 e 64 anos foi de 38.832, superando en case dous puntos o dato da campaña anterior. Neste caso, a cobertura foi do 22,70% en homes e do 23,31% en mulleres. A cifra de persoas menores de 60 anos que se vacinaron, pertencentes a grupos de risco, superou as 105.000, o que supón 10.305 doses máis que na campaña de 2015.

TRABALLADORES DO SERGAS. Segundo indicou a consellería, a porcentaxe de traballadores sanitarios vacinados mostra un considerable aumento, superando en 6 puntos o obxectivo en Atención Primaria, cunha cobertura do 41,61%. En atención hospitalaria a cobertura situouse no 29,96% e, aínda que non se alcanza o obxectivo, si se supera en 10 puntos os datos da anterior campaña. O incremento na cobertura de persoal sanitario foi especialmente destacado no caso da enfermería, cun 47,06%. No global de Galicia, o persoal médico tanto de primaria como de atención hospitalaria superou o obxectivo fixado.

Comentarios