Educación porá en marcha o próximo curso un 'plan recupera' a causa do covid

Ademais este ano convocarase a oferta de emprego público "máis ampla" da historia
O conselleiro Román Rodríguez. XUNTA
photo_camera Román Rodríguez. XUNTA

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, anunciou que o próximo curso porase en marcha un plan recupera para reforzar as competencias non adquiridas polo alumnado por mor das dificultades derivadas da pandemia do covid-19.

Nunha comparecencia no pleno do Parlamento para presentar as liñas estratéxicas do seu departamento, explicou que se trata de que a educación dos alumnos galegos "non se resinta", para o que se identificarán os "puntos débiles" na súa formación e reforzarán aquelas materias que sexan necesarias.

Rodríguez asegurou que "o sistema educativo galego estivo á altura" fronte á pandemia e logrouse o obxectivo de que a crise sanitaria "non derivase nunha crise educativa".

Pero á parte das medidas adoptadas ante a pandemia destacou que, agora, "sen baixar a garda ante a pandemia, é necesario avanzar para reactivar Galicia" desde a educación e a cultura.

A Xunta seguirá traballando "para conseguir que sexan os galegos" os que xestionen o Pazo de Meirás

Neste sentido, debullou varias leis que se elaborarán nos próximos meses, como a de transformación dixital da cultura ou a de inclusión e accesibilidade neste mesmo ámbito, así como unha nova carreira científica no Sistema Universitario Galego (SUG) e un novo plan de financiamento das universidades 2022-2026.

En canto ao profesorado, resaltou que se convocará este ano a oferta de emprego público "máis ampla" da historia, con 3.894 prazas, mentres que se elaborará "en breve" a do próximo ano.

Tamén se referiu ao Pazo de Meirás, sobre o que a Xunta seguirá traballando "para conseguir que sexan os galegos os que o xestionen" e que sirva para reivindicar a figura da escritora Emilio Pardo Bazán, como "faro do feminismo", e "favorecer a superioridade dos valores democráticos sobre calquera ditadura".

Comentarios