Educación destina 730.000 euros a axudas para alumnos de FP que realizaron prácticas

Os estudantes que desenvolvan este período en Galicia poderán recibir 186 euros. Os que o fagan no estranxeiro obterán un máximo de 200 euros máis outra contía semanal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica este luns no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de axudas económicas por importe de 730.000 euros para o alumnado que realiza formación práctica en centros de traballo, no marco do módulo formativo -presente en todos os ciclos- coñecido como FCT.


As axudas para os estudantes que realicen este período de prácticas en Galicia poderán lograr os 186 euros, mentres que os que o desenvolven no estranxeiro percibirán axudas basee de entre 100 e 200 euros e outra contía adicional semanal, en función do tempo e país de estancia.

Para solicitar as bolsas haberá dous prazos. O primeiro deles, que se abre mañá martes día 19 e durará 31 días, diríxese ao alumnado que realizase a FCT no período, outubro 2014-marzo 2015, ou no período xaneiro-xuño, xaneiro-marzo e abril-xuño de 2015. Tamén se acollerá a este prazo o alumnado matriculado no segundo curso do réxime integrado dun programa de cualificación profesional inicial no curso 2014/15.

O segundo prazo será o comprendido entre o 14 de outubro e o 14 de novembro de 2015, para o alumnado de ciclos formativos que lle corresponda realizar a FCT no período de setembro-decembro de 2015 e o alumnado matriculado nun programa de cualificación profesional inicial que realice o módulo formativo no período extraordinario de setembro de 2015.

Estas axudas diríxense a compensar parcialmente os gastos extraordinarios que se producen no desenvolvemento das prácticas formativas, sempre que se desenvolva nun centro de traballo situado fose do municipio de residencia do estudante ou do municipio onde se atope o centro educativo -modalidade A-, así como na estranxeiro -modalidade B-.

Na modalidade A os bolseiros poderán acceder a axudas de ata un máximo de 186 euros; mentres que no caso da modalidade B, as axudas divídense en función de grupos de países.

Así, os que realicen a FCT en Bulgaria, Eslovaquia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Malta ou Romanía poderán percibir unha contía base de 100 euros e outra adicional de 60 euros por semana; mentres que os que a desenvolvan en Alemaña, Bélxica, Chipre, Croacia, Eslovenia, Grecia, Holanda, Luxemburgo, Portugal ou República Checa poderán recibir de base 150 euros e outros 100 euros por cada semana.

As cantidades elévanse a 200 euros como base e 125 euros semanais para os estudantes que realicen as súas prácticas en Austria, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Italia, Reino Unido ou Suecia. 

Comentarios