Os edís socialistas de Piñor, en Ourense, deixan o partido ao sentirse "traizoados”

Os concelleiros deixan a porta aberta a concorrer con outra candidatura, incluído un partido instrumental con Pachi Vázquez

Francisco Fraga. EP
photo_camera Francisco Fraga. EP

O deputado provincial e exportavoz do PSdeG na deputación de Ourense, Francisco Fraga, anunciou este luns que os catro edís que conforman o grupo local do PSOE en Piñor abandonan o partido ao sentirse “traizoados” pola actual dirección provincial que lidera Rafael Rodríguez Villarino, e deixou a porta aberta a concorrer con outra candidatura, incluído un partido instrumental baixo o paraugas do exsecretario xeral Pachi Vázquez.

O aínda deputado socialista fixo pública esta decisión nunha comparecencia de prensa á que acudiu acompañado dos outros tres concelleiros do PSdeG en Piñor. Con esta decisión, os edís socialistas do concello pasarán ao grupo de non adscritos, circunstancia que no caso de Fraga, tamén repetiría na deputación provincial.

Esta decisión prodúcese tras os recentes abandonos habidos dentro do partido como o do propio exsecretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, e dos cargos socialistas de Maceda, así como do exportavoz no Carballiño, Adolfo Nogueira, por discrepancias coa dirección provincial que, segundo o socialista, “fai inviable seguir no partido”. “Mentres os actuais dirixentes provinciais sigan á fronte, non volverei a este partido”, resolveu Fraga, quen confirmou que entregará a acta como deputado socialista “o máis axiña posible”, “traizoado por parte desta dirección provincial”. 

Así, denunciou a súa “total perda de confianza, deslealdade” cara ao secretario provincial despois de máis “de 20 anos” dentro das filas socialistas criticando “continuas traizóns” por parte da dirección provincial, que encabeza Rafael Rodríguez Villarino, ao que acusou de reunirse "non unha nin dúas" senón varias veces, co acalde do citado concello, do Partido Popular ás súas costas.

A corporación de Piñor está gobernada polo PP co apoio dun partido independente, Veciños de Piñor, que suman cinco concelleiros, fronte aos catro que ten o PSdeG. En concreto, o grupo socialista criticou a celebración de varias reunións “desde o verán” por parte de Villarino co alcalde de Piñor, do Partido Popular, así como conversacións mantidas pola dirección con militantes socialistas coa intención de confeccionar unha lista alternativa neste concello, todo iso “ás miñas costas”.

Doutra banda, preguntado sobre se concorrerán nas municipais, o deputado do PSOE apuntou que será algo que terán que estudar a partir de agora, sen descartar no seu caso presentarse cunha candidatura instrumental que estaría a preparar Pachi Vázquez. “É unha opción que está encima da mesa”; admitiu Fraga, quen en todo caso advertiu de que non renunciará á súa acta de deputado tras denunciar “tramas organizadas” para sacar do partido a persoas discrepantes, visiblemente molesto coas actitudes “ditatoriais” da dirección provincial do partido.

Gonzalo Caballero critica "operacións persoais"
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou este luns as “operacións persoais” como a dos catro edís do partido en Piñor.

Caballero criticou que haxa quen escolla primar “opcións” e “intereses persoais” por encima dos colectivos e asegurou que, a pesar de todo, o PSdeG está “revitalizado” en Ourense e estará en condicións de dar a batalla electoral nos concellos e na propia Deputación.

“Estamos convencidos de que neste momento a cidadanía non está pendente desas operacións persoais”, asegurou o dirixente socialista, que acusou aos escindidos de facer “o xogo á dereita” de cara aos próximos comicios.

Comentarios