Ecoloxistas en acción pide a suspensión inmediata da caza en Galicia

Consideran que especies como o xabaril están a ser vítimas dunha "campaña de criminalización que a culpa de todos os males habidos e por haber"
Un cazador. ADP
photo_camera Un cazador. ADP

As organizacións Ecoloxistas en Acción e Petón do Lobo solicitan a suspensión inmediata da caza ata que se analice o seu impacto nas especies cinexéticas e xa que logo a paralización e inaplicación da resolución de maio do ano pasado sobre a tempada 2020/21. 

A través dunha nota de prensa, denuncian que a aplicación desta resolución da Consellería de Medio Ambiente —que determina as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies— posibilita a caza de especies da fauna silvestre sen contar con estudos científicos obxectivos e actualizados. 

Ao seu xuízo, a Consellería carece destes estudos para avalar o exercicio da actividade cinexética, e á parte de non existir censos actuais das especies cinexéticas non se realizan os estudos de impacto ambiental que require a actual lexislación para os plans cinexéticos. 

Tamén aseguran que non se avalían as repercusións da actividade cinexética na Rede Natura 2000 e denuncian a "manga ancha" co sector da caza por parte da Administración autonómica, que non avalía o "profundo impacto negativo" que ten para o equilibrio natural, a biodiversidade, o benestar animal e o desenvolvemento rural. 

En casos concreto de especies, como o xabaril, os ecoloxistas cren que están a ser vítimas dunha "campaña de criminalización que a culpa de todos os males habidos e por haber" e advirten de que a caza é causa principal da problemática que este animal pode xerar.

Comentarios