Duras críticas de Caballero á nova dirección

Acusa o presidente do Congreso Nacional de pór "trabas democráticas" ao non concretar os requirimentos para presentar candidaturas ao comité nacional e federal e reclama que o PSdeG "non pode ser o xoguete de ninguén"
Gonzalo Caballero atiende a los medios en Cogreso del PSdeG
photo_camera Gonzalo Caballero atiende a los medios en Cogreso del PSdeG

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao presidente do XIV Congreso Nacional, Xosé Sánchez Bugallo, de pór "trabas democráticas" para presentar candidaturas ao comité nacional e ao federal. 

O que fose secretario xeral do PSdeG durante os últimos catro anos pronunciouse deste xeito en declaracións aos medios tras tratar de tomar a palabra no plenario, unha petición que non foi atendida polo presidente. 

"Acábase de abrir un tempo para presentar candidaturas aos órganos nacionais ata as 11 da e non sabemos cales son os membros que teñen que estar na candidatura, se son 50, 100 ou 400", sostivo Caballero, que asegurou que se trata dunha "aclaración fundamental" para o "bo devir" dun proceso democrático. 

Gonzalo Caballero dixo que "se non se informa ao conxunto do plenario do número de persoas que ten que estar na candidatura resulta difícil configurar a mesma". "Creo que hai que facer congresos con total plenitude democrática e espero que este tamén o sexa, que se respecten todas as normas, porque eu recordo aínda un congreso no que, cando houbo que contar os votos, alguén levou a urna a un despacho pechado", sinalou. 

Fronte a iso, reclamou un congreso "democrático". "Queremos que as regras se fagan públicas, porque é difícil poder presentar unha candidatura de aquí ás 11 da noite se non se din as regras do xogo", insistiu. 

Tras incidir en que "é evidente de que se trata dunha traba para o funcionamento democrático", asegurou que "o novo secretario xeral sempre dicía que ía haber tempo en todos o procesos para poder configurar as cousas". "E pedímoslle que esta é unha garantía que hai que respectar", reclamou para trasladar que mentres el mesmo estivo á fronte do partido sempre se respectaron "as normas". 

Gonzalo Caballero dixo que acode ao congreso coa "mellor vontade construtiva" e cargou contra "as negociacións de despacho" que tratan de furtar "a vontade da militancia".

"O PSdeG non pode ser o xoguete de ninguén, nin do secretario de Organización da provincia da Coruña nin de ningún compañeiro porque o PSdeG é da militancia e hai que respectar as normas", argumentou Gonzalo Caballero, que considera que "estes rodetes" non son unha "forma prudente nin democrática de abordar os retos". 

Para rematar, insistiu en que o PSdeG debe ser "un exemplo de democracia interna" e que esta debe mostrarse con "transparencia" e deixando claras as "regras do xogo". 

Comentarios