O Corredor do Morrazo pechará sete meses para a ampliación dun túnel

A conselleira é consciente de que "haberá molestias" para os usuarios e pide "paciencia" ► O peche, entre outubro deste ano e maio de 2018
La conselleira durante su reunión con los alcaldes de Cangas, Moaña y Bueu
photo_camera La conselleira durante su reunión con los alcaldes de Cangas, Moaña y Bueu

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, anunciou o peche ao tráfico durante sete meses, entre outubro deste ano e maio de 2018, dos tramos 1 e 2 do corredor do Morrazo.

Esta decisión responde á execución das obras de ampliación do túnel de Montealegre, enmarcadas na conversión deste corredor en autovía, cuxos traballos se planificaron para que o castro que se atopa na zona non sufra danos.

O anuncio foi realizado este venres pola titular de Infraestruturas na localidade pontevedresa de Moaña, tras unha reunión coa alcaldesa deste municipio, Leticia Santos, e os seus homólogos en Cangas e Bueu, Xosé Manuel Pazos e Félix Juncal, respectivamente.

No encontro tamén participou o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, encargado de explicar aos rexedores os detalles técnicos da actuación, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves.

A conselleira explicou que, tras a realización dun estudo para avaliar a "viabilidade técnica" de executar traballos no túnel sen afectar o castro de Montealegre, situado na parroquia moañesa de Domaio, propúxose ampliar o existente e non crear un paralelo, como se prevía nun inicio.

Vázquez revelou que a solución proposta para manter os restos arqueolóxicos é "moi singular" e non conta con "precedentes en toda España", aínda que recoñeceu que si afectará o tráfico e requirirá dun corte ininterrompido de sete meses.

Francisco Menéndez detallou que a ampliación do túnel cara a ambos os lados, que derivará nunha infraestrutura de 20,6 metros de ancho, "ten como consecuencia cambiar o trazado da vía en planta e alzado" a través de "un sistema construtivo moi complicado".

Ademais, aproveitando o peche dos dous primeiros tramos do corredor, executaranse traballos na zona da Moureira para evitar "un risco de desprendemento" denunciado polos veciños.

"HABRÁ MOLESTIAS". Ethel Vázquez falou dunha ampliación do túnel "ambiciosa e singular" e, "consciente de que haberá molestias" para os habitantes do Morrazo, solicitou "paciencia" e asegurou que a Xunta de Galicia "reforzará os medios" para evitar colapsos de tráfico.

Os alcaldes de Cangas e Bueu e a alcaldesa de Moaña aseguraron a colaboración destes municipios e agradeceron á Consellería de Infraestruturas os "esforzos" investidos en buscar unha solución que permite "pór en valor o patrimonio"

Comentarios