Dúas sentenzas obrigan á Xunta a pagar a totalidade das pagas extra de 2013

Trátase de dous complementos específicos que oscilan entre 400 e 1.500 euros en función do posto do traballador público
Feijóo, durante la rueda de prensa posterior al Consello da Xunta
photo_camera Feijóo, durante la rueda de prensa posterior al Consello da Xunta

A sección de Administración Autonómica da Confederación Intersindical Galega (CIG) informou este mércores de que son xa dúas as sentenzas que lle recoñecen ao persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta o cobro, de forma íntegra, dos dous complementos específicos das pagas extra do ano 2013.


Estes complementos específicos na Xunta, segundo informa o sindicato nun comunicado, oscilan desde entre 400 euros nun posto de subalterno ata 1.500 euros nun posto de subdirección.

A estas cantidades, as sentenzas, que son firmes e non poden ser recorridas, súmanlle os intereses de demora e ata 400 euros de costas.

Como novidade nestas dúas sentenzas, precisa a CIG, ao existir silencio na reclamación salarial en vía administrativa, o xuíz recoñece que o sentido deste é positivo e polo tanto estima na súa totalidade a reclamación do traballador.

"A gran maioría das sentenzas anteriores centrábanse só no fundamento xurídico da irretroactividade do recorte da paga extra de xuño dese ano, ao aprobarse os Orzamentos o 1 de marzo de 2013, polo que o recorte nos meses anteriores de xaneiro e febreiro é ilegal", aclara a CIG.

A central sindical calcula este "recorte" en 33 millóns de euros. 

Comentarios