Dous mozos feridos graves en senllos accidentes laborais en Paderne e Touro

Dous mozos de 21 e 24 anos resultaron feridos de gravidade este luns en senllos accidentes laborais en Touro e Paderne, na provincia da Coruña. En Touro, o sinistro rexistrouse pasadas as 13,00 horas, cando un mozo de 21 anos caeu desde un muro, cravando un ferro no abdome.

O 061 deu aviso ao 112 para que remitise ao lugar a un helicóptero medicalizado, que trasladou ao mozo en estado grave ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. O ferido traballa para a empresa Cooperativa Perpetuo Socorro S.L., de Arzúa.

Por outra banda, en Paderne produciuse outro accidente ás 10,00 horas nunha obra de Adragonte. Neste caso, un mozo de 24 anos, R.I.V.V., deuse un golpe na cabeza cunha formigoneira. O ferido foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña por unha ambulancia asistencial e polo médico de atención primaria.

Comentarios