O cura prestou case vinte mil euros a fondo perdido ao clan dos Feratovic

Dous anos dun brutal crime sen castigo

A investigación sobre a morte do cura de Vilanova dos Infantes segue estancada ao non haber probas contundentes ►Veciños apuntan a cidadáns do Leste que acudían á reitoral a por donativos, como adoitaban facer os dous detidos
Una comitiva de vecinos y religiosos en el sepelio del párroco Adolfo Enríquez
photo_camera Una comitiva de vecinos y religiosos en el sepelio del párroco Adolfo Enríquez

Dous anos logo dun crime que conmocionou a Galicia, a rabia e a impotencia non atoparon consolo na Xustiza. Desde que o 10 de marzo de 2015 asasinaron brutalmente a Adolfo Enríquez, o cura de Vilanova dos Infantes (Celanova), a vida neste pobo ourensán non volveu a ser igual. O horror inicial deu paso a unha calma tensa. A un acougo angustioso propio do que espera, aínda que con impaciencia, a que o tempo poña as cousas no seu sitio. Á dor pola morte súmase a indignación porque, paradoxos do destino, ao párroco matárono cando facía o que mellor sabía: axudar ao próximo.

Don Adolfo era un deses relixiosos que predicaba co exemplo. A súa bondade, din en Vilanova, non tiña límites. Aproveitándose desa circunstancia, crese que na noite do 10 de marzo de hai dous anos varias persoas aparentemente con poucos recursos, ás que xa axudaría previamente, foron visitalo para pedirlle esmola. O cura foi a buscar unhas patacas para darlles para comer. Pero iso non saciou a fame dos pedichóns, de quen se sospeita que preferían un donativo en metálico ou en papel fiduciario.

Don Adolfo non quixo ou non puido darllo –os veciños aseguran que atravesaba unha situación económica complicada debido, precisamente, ao seu costume de repartir os seus ingresos entre os necesitados–. E pagouno coa súa vida. Emprendérona a golpes con el, sen piedade. Primeiro cos puños e logo con algún obxecto contundente, á vez que –crese– lle reclamaban diñeiro. Ao non contentar aos asaltantes, a agresión foi subindo de intensidade, ata tal punto que os forenses falaron de tortura. Don Adolfo tivo unha morte moi aciaga. Malferido, un dos impactos, brutal, fracturoulle a fronte e esborrallouse xa sen vida sobre a palleira onde ao día seguinte o acharon no medio dun charco de sangue. Ao seu lado, as patacas coas que intentara axudar aos seus verdugos.

Dentro da casa estaba todo revolto, pero non se botou nada en falta. Alí permanecían libros relixiosos, cálices e bandexas de prata da sancristía e incluso varias armas de fogo que o cura coleccionaba. Nin rastro de diñeiro, pero porque tampouco o había antes da visita dos asaltantes. Con todo, os fregueses alertaron de que se levaron a Virxe do Cristal, unha pequena talla do século XVII de gran valor relixioso para os fregueses de Vilanova pero que, segundo a Garda Civil, ten escasa saída no mercado negro de obras artísticas.

Tras o crime sucedéronse os círculos no pobo e as sospeitas dos veciños apuntaban cara ao Leste. Concretamente cara a unha serie de cidadáns croatas e romaneses establecidos na provincia de Ourense que acudían con asiduidade ao domicilio do cura en busca de caridade en metálico. Tras case un ano de investigacións, o 15 de xaneiro de 2016 dous deles foron detidos: Elvir e Arsen Feratovic, tío e sobriño de 42 e 23 anos. O principal indicio contra eles é que adoitaban desprazarse nun Volkswagen Golf negro que se correspondería co turismo desa marca e "escuro" que dixo ver un veciño circulando preto da casa do cura a noite de autos. Aínda que ao non poder especificar o modelo, os investigadores consideraron que se trataba dunha pista moi xenérica.

Tamén chamou a atención que o móbil de Arsen foi apagado durante unhas horas. O último sinal sitúao en Ourense a medianoite, onde volve acenderse ás tres da mañá, lapso de tempo no que a autopsia estimou a morte de don Adolfo.


LIBRES.
Pero aí se acaban os indicios. E ante a falta de probas fehacientes, a xuíza de Celanova deixounos en liberdade. A investigación segue aberta, aínda que en punto morto pola ausencia de pegadas no lugar do crime.

Unha das últimas bazas do xulgado celanovés ante un caso que parece abocado ao arquivo foi a de solicitar a Facebook e Skype conversacións entre os detidos, pois se cre que utilizaron estas vías de comunicación ao sospeitar –fundadamente– que tiñan os seus móbiles –picados–. Pero non houbo éxito, pois a aplicación de videochamadas non facilita datos escudándose na súa política de privacidade, mentres que a rede social máis popular só o fai coa CIA.

Comentarios