O director de 'Frankenstein 04155' ofrece o documental do Alvia por un euro á TVG

O responsable da corporación de radio e televisión de Galicia afirmou non ter "constancia de que fora presentado en ningún momento" ao ente público

Tren accidentado del Alvia. AGN
photo_camera Tren accidentado do Alvia. AGN

O director do documental Frankenstein 04155, Aitor Rei, ofrece os dereitos de emisión da cinta sobre o accidente de Angrois "por un euro" á TVG, despois de que este xoves o responsable da corporación de radio e televisión de Galicia afirmase non ter "constancia de que fora presentado en ningún momento" ao ente público galego.

Na comisión de control da CRTVG, Sánchez Izquierdo destacou que a televisión pública galega recibe "moitísimas suxestións" e "moitísimas ofertas", pero que non lle consta que Frankenstein 04155, que coñece e que recentemente emitiu TV3 en Cataluña, "fora presentado en ningún momento á TVG".

Sinalouno a preguntas da deputada do BNG Noa Presas e de En Marea Paula Verao. A primeira preguntouse "como é posible que a estas alturas en ningún momento se puidera visualizar este documental" na televisión pública de Galicia, despois da súa emisión tamén no Parlamento Europeo, da man da portavoz do Bloque en Bruxelas, Ana Miranda. Pola súa banda, Verao subliñou que a cinta "merece que se emita na TVG por relevancia do tema e compromiso público, por actualidade informativa, apoio ao audiovisual galego e, sobre todo, por humanidade".

Na súa quenda, o director xeral da CRTVG argumentou que "os medios públicos galegos reciben un gran número de propostas para a compra de dereitos de emisión, de explotación, coproducións, etcétera". Propostas que, segundo indicou, "incorpóranse ao rexistro de proxectos para a súa posterior avaliación desde o departamento correspondente".

"O documental ao que se refiren, Frankenstein 04155, si coñecemos este traballo que foi emitido por TV3 en Cataluña e que foi producido por Boneca Lareta, pero non temos constancia de que fose presentado en ningún momento á TVG. En ningún momento", recalcou.

Así, evitando dar a súa "valoración" sobre esta produción, subliñou que, ademais da "inxente cobertura" despois do sinistro e nos meses posteriores, a televisión pública de Galicia elaborou varios programas especiais. En concreto, reivindicou a emisión de dous documentais, un "de produción propia" da TVG, Angrois: unha mirada ao interior; e outro, Angrois no esquecemento, de Lentes Diverxentes.

RESPOSTA DO DIRECTOR. Tras coñecer estas palabras, o director do documental en cuestión, o ourensán Aitor Rei, tachou de "curioso" o posicionamento da CRTVG. En declaracións a Europa Press, destacou que, "ao día seguinte" da emisión de Frankenstein 04155 na Seminci de Valladolid, púxose en contacto con el a BBC e Movistar. "E a TVG non", apostilou.

Agora, asegurou estar "a xestionar" a súa emisión na ETB e na televisión pública valenciana, despois da boa acollida que tivo na de Cataluña. En calquera caso, Rei indicou que "se a TVG o quere emitir" cederalle os dereitos de emisión "por un euro", iso si, cunha serie de condicionantes no relativo á promoción e proxección do documental.

Neste sentido, explicou que o cede "sempre que se emita antes do 28 de abril (data das eleccións xerais), tendo en conta que é un tema, remarcou, "de actualidade". Tamén pon como requisito que se repliquen as condicións que se deron en TV3: emisión en horario de prime time, con cortes promocionais durante os sete días previos e a inclusión de entrevistas co presidente da plataforma de vítimas do accidente nos informativos da TVG os dous días antes.

Comentarios