Dimite a portavoz do grupo socialista en Ferrol

Natividad González Laso, a portavoz do grupo municipal do PSOE en Ferrol, presentou hoxe por sorpresa a súa dimisión como vocal dos socialistas no Concello. Laso anunciou a súa decisión esta mañá en rolda de prensa acompañada por varios dos edís do grupo socialista, que compoñen sete concelleiros, e que son a primeira forza da oposición fronte á maioría absoluta do PP.

Desde 2011, González Laso protagonizara varios enfrontamentos públicos coa secretaria da agrupación socialista local, a deputada Beatriz Sestayo, que evidenciaron o divorcio entre a Executiva ferrolá do PSOE e o seu grupo municipal.

Sestayo foi elixida este domingo nas primarias socialistas pola militancia ferrolá como a candidata do PSOE á alcaldía de Ferrol nas próximas eleccións municipais. A parlamentaria impúxose ao seu rival, o concelleiro Ramón Veloso, por 171 votos fronte aos 80 que logrou o edil.

A designación de Sestayo como candidata propiciou a renuncia de Laso. O grupo municipal do PSOE elixirá ao seu novo portavoz nos próximos días.

Comentarios