Dimite o exalcalde de Ares tras ser condenado por fraude electoral

O exalcalde de Ares Manuel Cendán (PP), condenado en sentenza firme por un delito electoral, presentou esta mañá por rexistro o escrito de renuncia á súa acta de edil no municipio coruñés onde continuaba como concelleiro e portavoz do grupo popular a pesar de estar inhabilitado para cargo público.

José Manuel Cendán Fernández foi condenado en marzo do 2012 a cinco anos de inhabilitación para o sufraxio pasivo como autor penalmente responsable dun delito electoral en 2003.

A xustiza considerou probado que manipulara o censo poucos meses antes das eleccións locais daquel ano que lle deron a vitoria ao PP por unha estreita marxe de votos (40).

Hai dez anos, o BNG de Ares presentou a primeira denuncia ante o INE polas irregularidades detectadas no padrón local e o proceso xudicial concluíu o pasado 26 de decembro do 2012.

A Audiencia Provincial da Coruña desestimou definitivamente o recurso interposto por Cendán, que recorreu o fallo condenatorio do Xulgado do Penal número dous de Ferrol que o condenaba a el e ao seu exmoza, e funcionaria local, por fraude electoral.

O mércores, 2, o actual alcalde de Ares, Julio Iglesias, do PSdeG, reclamara a dimisión "inmediata" de Cendán tras recordar que o popular estaba condenado en sentenza firme.

Iglesias instou o PP de Galicia a que puxese en práctica "o código ético do que presume", apartando os cargos políticos condenados das institucións públicas e lamentou que "o portavoz do PP en Ares marche sen que ninguén do seu partido, en dez anos, lle diga unha palabra de reproche ou condena".

O rexedor aresano anunciara a convocatoria dun pleno extraordinario e monográfico para forzar a Cendán a renunciar en cumprimento da sentenza.

A marcha voluntaria do exrexedor popular, que deixa o seu escano na corporación local logo dunha década, non o fará necesario.

Comentarios