Diego Rubianes leva xa trece días en paradoiro descoñecido

Tras trece días da desaparición do mozo Diego Rubianes Pita, a súa familia está desesperada. O aresano, de 22 anos e con graves problemas psíquicos desde neno, fuxiu o pasado 5 de novembro durante un traslado do hospital a un centro terapéutico de Asfedro en Doniños (Ferrol) para tratar a súa adicción ás drogas.

Os seus pais lamentan que ninguén lles estea axudando a buscar ao seu fillo enfermo, ao que diagnosticaron un trastorno da personalidade con 7 anos para o que necesita medicarse.

No momento da súa fuxida, apuntan, o mozo vestía un plumífero reversible, pantalóns verdes impermeables e botíns. é moreno e mide 1,80 metros. Na súa mocidade, afeccionouse ás drogas complicando os seus problemas neuropsíquicos.

A última pista do seu paradoiro obtivérona ao día seguinte súa desaparición, segundo explica o seu pai. O mozo acudiría a retirar unha pequena cantidade de diñeiro da súa conta corrente nunha sucursal bancaria do barrio de Ultramar, onde lle proporcionaron parte da súa pensión aínda que non tiña documentación para acreditar a súa identidade.

Desde entón, recibiron algunhas chamadas indicando que o viron en distintas localizacións, en Inferniño, cerca do centro de Ferrol, e tamén en Ares, ao sur da ría, pero ningunha serviu para dar con el nestes últimos días.

A familia achegou unha fotografía para axudar na procura e este luns, explicaron, ten previsto consultar cun avogado por se cometese algunha neglixencia na custodia xudicial do seu fillo, que cumpría unha pena.

Diego Rubianes cumpría condena pola agresión a unha axente da Policía Local de Ares.

Comentarios