Deteñen os dous presuntos xefes de Resistencia Galega, buscados desde 2006

Ademais de a Antón García 'Toninho' e Asunción Losada, a Garda Civil arrestou outras dúas persoas

Antón García Matos 'Toninho' y Asunción Losada Camba. EP
photo_camera Antón García Matos 'Toninho' e Asunción Losada Camba. EP

A Garda Civil detivo este sábado en Vigo a Antón García Matos Toninho e Asunción Losada Camba, considerados como os líderes históricos de Resistencia Galega. Na clandestinidade desde 2006, considerábase que continuaban liderando esta organización cualificada polo Tribunal Supremo como banda terrorista desde abril de 2014. 

A Toninho e Losada, membros da lista de persoas máis buscadas da Garda Civil e a Policía Nacional, tratábaselles de atopar a pista en Portugal, onde se especulaba que estarían a residir con documentación falsa, cobertura e financiamento. As pescudas chegaron incluso a América do Sur. Finalmente, ambos foron apresados en Vigo en virtude das requisitorias dos xulgados de instrución 4 e 6 da Audiencia Nacional polos delitos de pertenza a organización terrorista en grao de dirixente, tenza e transporte de explosivos e falsidade documental. 

Estaban acompañados por Nicolás García Nogales, un colaborador que tamén foi arrestado. Ademais, axentes da Benemérita detiveron este domingo unha cuarta persoa na provincia de Ourense, aínda que non transcenderon máis datos ao pesar sobre o caso o segredo de sumario e das operacións, segundo confirmaron fontes do instituto armado a AGN. Pola súa banda, o denominado como brazo político de Resistencia Galega, Causa Galiza, apuntou que outro militante independentista fora arrestado en Cerdedo. 

Os detidos serán trasladados nas próximas horas a Madrid para o seu pase a disposición xudicial.