Tres detidos por tráfico de heroína nunha operación na que participaron axentes lucenses

Dous dos arrestados son arousáns e o outro foi interceptado en Asturias

Material intervenido por la Policía. EP
photo_camera Material intervido pola Policía. EP

Tres persoas foron detidas na comarca de Arousa e en Asturias no marco da coñecida como operación Rescates, que foi desenvolvida de forma conxunta por axentes da Garda Civil e do Corpo Nacional de Policía contra o tráfico de drogas.

Segundo informou a Comisaría Provincial de Lugo, o pasado 1 de febreiro, un dispositivo conxunto, coordinado polas unidades antidroga de ambos os corpos, procedeu á detención dun dos compoñentes do suposto grupo de narcotraficantes na localidade de Torce, en Asturias, logo de interceptalo cando circulaba a bordo dun vehículo.

Tras un cacheo, os axentes comprobaron que o condutor levaba ocultos entre as súas roupas 200 gramos de heroína. Horas máis tarde, foi detido na localidade de Milladoiro (A Coruña) un veciño de Vilanova de Arousa. Tamén no seu caso ía a bordo dun todoterreo, foi interceptado e cacheado. Os axentes interviñéronlle diñeiro en efectivo que, supostamente, era para realizar o pago da droga

Finalmente, foi detido en Portonovo o fillo deste último, que segundo os axentes "tamén formaba parta do armazón delituoso". Esa mesma tarde, os axentes encargados do caso realizaron un rexistro nun domicilio de Vilanova de Arousa, onde interviñeron 300 gramos máis de heroína, 45 plantas de marihuana e 9.000 euros en efectivo.

Para o desenvolvemento deste dispositivo, contouse co apoio dunha patrulla da Garda Civil do posto da Caridade (Asturias), do Servizo Cinológico da Garda Civil de Pontevedra e dos grupos de Estupefacientes das comisarías provinciais de Lugo e Pontevedra.

Os detidos foron postos a disposición da autoridade xudicial, que decretou o ingreso en prisión de dous deles. A operación foi dirixida pola xuíza titular do xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Vilagarcía e polo Fiscal Delegado Antidroga da provincia de Pontevedra. 
 

Comentarios