A Garda Civil do Posto Principal de Milladoiro detivo a seis persoas como presuntas autoras de dous delitos de lesións e un delito de danos por agredir a dous traballadores dun local de hostalería que se negaron a servirlles por aproximarse a hora de peche.
Segundo informa o Instituto Armado, os feitos ocorreron por mor da denuncia interposta o pasado 19 de abril por dous traballadores dun local de hostalería de Milladoiro na que comunicaron que o día 17 sobre as 20:50 horas entraron no seu local un grupo composto por cinco homes e unha muller, dos cales descoñecían a identidade ao non ser clientes do local, e esixíronlles que lles servisen unhas consumicións.
Por querer cerrar el bar (ya llegaba el toque de queda). agredieron al dueño del bar y a su mujer (embarazada)
— Soy Camarero (@soycamarero) April 22, 2021
En O Milladoiro. Al lado de Santiago de compostela (Galicia) pic.twitter.com/6WxtmhVV2q
Os empregados negáronse alegando que quedaba pouco tempo para o horario de peche establecido nas medidas de restrición da hostalería para facer fronte á pandemia do covid-19.
Ante esta negativa, os integrantes do grupo agrediron aos dous empregados, que sufriron "feridas de diversa consideración", segundo apuntan desde a Garda Civil.
Os agredidos lograron que o grupo saíse do local, tras o que estes individuos golpearon a reixa metálica do establecemento co mobiliario do mesmo e fracturaron o cristal da porta e causaron danos na “reixa e no mobiliario”.
A Garda Civil procedeu a investigar os feitos co fin de lograr a identificación plena dos autores dos mesmos. Como froito do traballo de campo desenvolvido, a Benemérita logrou pescudar a identidade destas persoas, a maior parte delas coñecidos das forzas de seguridade por ilícitos de diversa índole.
A Garda Civil procedeu á súa detención como presuntos autores de dous delitos de lesións e un delito de danos. Foron postos, xunto coas actuacións realizadas, a disposición do xulgado de Instrución de garda de Santiago de Compostela.