Detido en Vigo por cortarlle a cara ao seu veciño cun coitelo de cociña

Os implicados non aclararon o motivo da pelexa pero recoñeceron ter denuncias mutuas previas por insultos e ameazas
Policía Local de Vigo. DP
photo_camera Policía Local de Vigo. DP

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 48 anos, natural de Ourense, tras presuntamente producirlle cortes na cara ao seu veciño cun coitelo de cociña dotado dunha folla de 18 centímetros.

Os feitos, segundo informaron este luns fontes policiais, tiveron lugar o pasado xoves no Camiño de Ferreiras, desde onde se solicitou a intervención policial porque se estaba producindo unha pelexa entre veciños, un dos cales sufrira feridas de arma branca.

Cando os axentes chegaron atoparon á vítima, un home de 56 anos, sentado nunha pedra, dentro dunha leira, con toda a cara ensanguentada. Dez metros máis aló, tirado no chan, estaba o coitelo.

Os axentes entrevistáronse cos dous homes involucrados na pelexa, cuxo motivo non aclararon, aínda que si dixeron que ambos tiñan denuncias mutuas por insultos e ameazas.

No lugar presentouse unha ambulancia do servizo 061, cuxo persoal sanitario confirmou que a vítima presentaba polo menos cinco cortes no rostro compatibles cunha agresión coa arma incautada.

Debido ás feridas, foi trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, mentres que os axentes procederon a deter ao suposto agresor, veciño da zona, como presunto autor dun delito de lesións.

Comentarios