Os veciños escoitaron berros e golpes antes de que unha muller de 71 anos se precipitase ao baleiro en Vigo

A Policía investiga se se trata dun novo caso de violencia de xénero en Galicia. A vítima, de 71 anos e de nacionalidade portuguesa, faleceu na ambulancia
Fachada del edificio de la calle Carrizo de Vigo desde el que se precipitó al vacío la mujer
photo_camera Fachada del edificio de la calle Carrizo de Vigo desde el que se precipitó al vacío la mujer

A Policía detivo un home de 62 anos de idade cuxa muller faleceu tras precipitarse desde un terceiro piso nun edificio do barrio vigués do Calvario. Os investigadores tratan de determinar se se trata dun caso de violencia machista e se o home detido lanzou á vítima pola fiestra.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes policiais, o 092 recibiu un aviso sobre as 4,30 horas deste xoves pola aparición dunha muller no patio interior dun inmoble da rúa Carrizo. Ao chegar á vivenda da falecida os axentes atopáronse todo revolto, polo que procederon á detención do marido ante a posibilidade de que se producira un episodio de violencia de xénero. Ao lugar acudiron efectivos de urxencias sanitarias, pero non puideron facer nada pola muller, de nacionalidade portuguesa e 71 anos de idade, que faleceu na ambulancia.

Os veciños alertaron ás forzas da orde ao escoitar berros e golpes de madrugada. Unha veciña dixo á Radio Galega non entender o que a muller dicía, aínda que outras fontes escoitaron un "non me batas" antes do fatídico suceso.

De confirmarse que se trataría dun novo episodio de violencia machista, o falecemento desta muller lusa sería o sexto caso en Galicia no que vai de ano. Tres das mortes tiveron lugar en Vigo desde o pasado mes de setembro.

Comentarios