Un detido pola agresión a Samuel chamouno "maricón" nunha reunión posterior

undefined
photo_camera Manifestación desenvolvida na Coruña en xullo en condena polo crime de Samuel Luiz CABALAR

Un dos detidos pola agresión mortal ao mozo Samuel Luiz na Coruña referiuse á vítima como "maricón" na reunión que os agresores mantiveron nun parque público da cidade logo dos feitos, segundo confirma a Efe o comisario Pedro Agudo, responsable da investigación.

Os investigadores, que analizan agora os datos dos móbiles dos supostos autores —entre seis e oito—, aínda non confirmaron que se trate dun crime homófobo. Con todo, é unha das liñas que continúan abertas, tendo en conta que o detido número 1 xa se referiu á vítima como "maricón" cando comezou a increpalo, xusto antes de golpealo, segundo confirmou tamén este mércores o comisario Agudo.

A Policía sabe o que falaron os presuntos agresores nesa reunión dunha hora e cuarto porque ten unha declaración testifical e asegura que non mostraron arrepentimento polo que fixeran. 

Desde que hai un mes o mozo de 24 anos morreu vítima da brutal agresión, o movemento LGTBI denunciou que se tratou dunha agresión homófoba e organizáronse numerosas manifestacións e protestas.