Detidos un chantadino e un ourensán polos delitos de extorsión, estafa e falsidade documental

A operación policial iniciouse o 24 de novembro de 2016 en Calvos de Randín e Ourense

Axentes da Policía Nacional detiveron a un chantadino e un ourensán por delitos de extorsión, estafa e falsidade documental, así como a un cidadán húngaro por delito de falsidade documental, tras ser contratado de xeito fraudulento. Segundo informou a Comisaría ourensá, a operación policial iniciouse o 24 de novembro de 2016 en Calvos de Randín e Ourense a cargo da Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría Provincial ourensá.

No marco da denominada Operación Transilvania, os investigadores arrincaron as pescudas despois de detectar a existencia de dúas persoas que exercían "un papel de control", segundo relataron as mesmas fontes policiais, sobre dúas empresas creadas ante notario en xullo do 2015 e en marzo do 2016. Estas dúas persoas puideron nominalmente á fronte das mesmas empresas a dúas persoas sen formación, que eran manexadas como homes de palla.

A Policía indicou que incluso tramitaron a contratación fraudulenta dun cidadán húngaro. As mesmas fontes policiais sinalaron que un dos homes de palla, mediante ameazas graves, foi obrigado á solicitude de pagarés a nome da empresa para así causar un prexuízo patrimonial propio.

Estes dous homes de palla, cidadáns comunitarios, serán as persoas que carrexarán, segundo subliña a Policía Nacional, "avultadas débedas coa Seguridade Social" e as empresas creadas obterían diferentes préstamos hipotecarios e pagarés, que de non figurar estes dous cidadáns comunitarios como administradores das empresas, "non serían concedidos aos dous cidadáns españois ao figurar ben como morosos na Administración ou con antecedentes delituosos", segundo concretan as mesmas fontes.

FALSIDADE. Ademais, a Policía resaltou que coexisten os delitos de estafa e falsidade documental dado que a contratación laboral fraudulenta do cidadán húngaro proporciónalle a este a regularización administrativa en España, acceso ao sistema público sanitario español, ao sistema público de protección de desemprego e ao conxunto de axudas sociais proporcionadas por institucións diversas.

Os detidos son un home de 62 anos nacido en Ourense, sen antecedentes; un home de 45 anos, natural de Chantada, con dous arrestos anteriores; e un home de 22 anos de idade natural de Budapest e sen detencións policiais.

Comentarios