Detido un mozo por roubo e tras intentar autolesionarse

Un mozo foi detido onte na Coruña por un presunto delito de furto de teléfonos móbiles e tras intentar autolesionarse, segundo informaron fontes policiais nun comunicado.

Os feitos ocorreron o venres ás 08.45 horas cando varias patrullas da Policía Local se atopaban realizando un control preventivo de Seguridade Cidadá en varios establecementos da Rolda de Outeiro.

Nun deses comercios os axentes observaron que un mozo intentaba fuxir ao decatarse da presenza policial; e antes de ser rexistrado un dos efectivos observou como o raparigo intentaba sacar "disimuladamente" do peto da cazadora tres teléfonos móbiles mentres negaba que fosen seus.

Tras un cacheo superficial os axentes atoparon un dispositivo móbil máis noutro dos petos, polo que procederon a comprobar a orixe de todos os celulares.

Mentres os policías facían as verificacións correspondentes, o mozo comezou a porse nervioso e, segundo informa a nota, "empezou a gritar e a sacarse a roupa" á vez que se autolesionaba cun chisqueiro nos brazos e no torso.

Tras reducilo, os axentes solicitaron a presenza dunha ambulancia que o trasladou ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), baixo custodia policial, e alí foi asistido e posteriormente trasladado a dependencias policiais, onde quedou a disposición policial.

Ao mozo acúsano dun presunto delito de furto á espera dos resultados das investigacións policiais para saber se a cualificación pode derivar en roubo en caso de empregar a violencia.

Comentarios