Prisión provisional para o detido pola morte do dono dun bar en Ourense

Os feitos remóntanse a principios de febreiro, cando o home apareceu sen vida no interior do establecemento

Precinto policial en el Bar Novo, en Ourense. EUROPA PRESS
photo_camera Precinto policial no Bar Novo, en Ourense. EUROPA PRESS

O home detido como suposto responsable da morte do dono do céntrico bar Novo de Ourense entrou este mércores en prisión de forma provisional, comunicada e sen fianza. O home, un ourensán de 38 anos sen historial de detencións, foi arrestado o pasado luns, por uns feitos rexistrados a principios de febreiro. 

A principal hipótese do caso está relacionada co tráfico de drogas, despois de que a Policía puidese corroborar relacións "comerciais" do falecido, aínda que as investigacións non descartan outras opcións.

Tras coñecerse a morte do dono do establecemento, a Policía rexistrou a súa vivenda, onde interveu 105 gramos de cocaína e 12.685 euros. Tamén se inspeccionou o bar, onde atoparon unha tableta, un caderno e follas con anotacións.

A Unidade de Delincuencia Especializada e Violenta, encargada da investigación, constatou que a morte do xerente da taberna, de nacionalidade portuguesa, se produciu 22 horas antes de atoparse o cadáver, polo que o homicidio supostamente se produciu o 4 de febreiro ao redor das 22.00. 

O corpo atopouse o 5 de febreiro, cando varios clientes o viron tras a barra do local situado na rúa Colón tirado no chan, encima dun charco de sangue e cun corte no pescozo, posiblemente producido cun obxecto cortante, como un coitelo ou un cristal. 

"Existen no interior da barra restos de sangue por desprazamento do corpo e nos interruptores da luz marcas de sangue, indicadores que puidesen corresponder cunha morte violenta de etioloxía homicida", sinala a Policía Nacional. 

Entre a tarde do luns e a mañá do martes a Policía rexistrou un vehículo e cinco domicilios nos que se incautou de roupa do presunto homicida, un teléfono móbil, tres cartóns SIM, unha pistola de fogueo, unha factura da mesma a nome doutra persoa e unha caixa de munición con 23 cartuchos e un cargador.