Detida en Ourense por usurpar unha identidade para sacar diñeiro dun banco

Membros da Policía Nacional de Ourense detiveron a unha muller como presunta autora dun delito de estafa e usurpación de identidade, por intentar retirar diñeiro dunha conta bancaria coa documentación doutra persoa. Un método, informaron fontes policiais, co que chegou a retirar 4.600 euros nos últimos días e outros 15.000 en xullo.

Segundo informa a Comisaría Provincial, o 091 recibiu onte unha chamada dunha sucursal bancaria, informando da presenza dunha muller que trataba de retirar diñeiro dunha conta coa documentación doutra persoa.

Ata o lugar desprazouse unha dotación policial e unha vez alí os responsables da entidade comunicáronlles que unha muller que se atopaba neste lugar intentara retirar fondos cunha documentación (carné de conducir) doutra muller.

Ante estes feitos, procederon á súa detención pola presunta comisión dun delito de estafa bancaria e usurpación de identidade.

Tras as oportunas investigacións, constataron que retirara nos últimos días coa mesma documentación (subtraída no mes de abril xunto con outros documentos) un total de 4.600 euros. Esta persoa xa fora detida por idénticos feitos no mes de xullo. Naquel momento a cantidade de diñeiro subtraído foi de 15.000 euros.

A detida é unha muller, de 37 anos de idade, veciña de Ourense, á que lle constan cinco detencións anteriores por diversos feitos, e a cal pasou hoxe a disposición xudicial.

Comentarios