Detida unha muller que visitaba o cárcere de Teixeiro con droga

Roubara un bolso antes de acudir ao penal e foi localizada por mor da denuncia
Cárcel de Teixeiro. AEP
photo_camera Cárcere de Teixeiro.AEP

A Garda Civil detivo unha veciña da Coruña que levaba encima haxix cando a ía visitar a un individuo que está ingresado no cárcere de Teixeiro, informaron fontes do citado corpo de seguridade. A muller supostamente roubara un bolso antes de ir ao penal, que contiña no seu interior 120 euros en metálico, un terminal de telefonía móbil e diversa documentación.

Os axentes localizárona por mor da denuncia que presentaran polo roubo do bolso e constataron que a suposta autora do ilícito tiña programada unha comunicación cun interno do Centro Penal de Teixeiro. A Garda Civil trasladouse ao penal para proceder á súa detención como presunta autora dun delito de furto e, durante a mesma, procedeuse ao rexistro superficial das súas pertenzas achando 4 obxectos en forma de landra que contiñan unha sustancia resinosa de cor marrón, supostamente haxix.

Por todo iso, a Benemérita procedeu a detela como presunta autora dun delito de furto e outro contra a saúde pública polo intento de introducir sustancias estupefacientes no interior dun centro penal. A detida, xunto coas actuacións realizadas e os efectos incautados, foi posta a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Betanzos.

Comentarios