Un xurado popular xulgará a Marina Castaño por malversación de fondos na Fundación Cela

A Audiencia Provincial da Coruña desestima os recursos presentados pola viúva de Nobel ao considerar que a entidade ten carácter "explicitamente público"
Foto de archivo de Marina Castaño acudiendo a la sede de la Fundación Camilo José Cela en Padrón
photo_camera Foto de archivo de Marina Castaño acudiendo a la sede de la Fundación Camilo José Cela en Padrón

A Audiencia Provincial da Coruña desestimou catro recursos de apelación presentados por Marina Castaño, viúva do premio Nobel Camilo José Cela, e polo exgerente Tomás Cavanna en relación coa Fundación que leva o nome do escritor galego, que serán xulgados por un xurado popular.

Os autos da Audiencia, todos eles do 3 de xuño, cuxo contido foi divulgado este luns, rexeitan a case totalidade dos argumentos procesuais, excepto un relacionado coa contratación dunha "ordenanza" da Fundación que foi empregado "para usos privados" da presidenta, Marina Castaño, por considerar que iso non ten o debido "encaixe punitivo" e estímao parcialmente.

Con todo, os catro autos rexeitan as pretensións dos avogados de Castaño en diversos aspectos relativos ao procedemento de investigación de supostos delitos de malversación de fondos públicos.

En marzo pasado o Xulgado de instrución número dous de Padrón, onde ten a sede a Fundación, desestimou tamén unha serie de recursos de reforma interpostos polos avogados de Castaño e de Cavanna, exgerente da Fundación, na instrución relacionada coa xestión desa entidade.

Castaño, viúva de Cela, foi imputada o 12 de novembro de 2014 por malversación de fondos públicos xa que a Fundación, de carácter privado, recibiu unha inxente cantidade de fondos públicos por parte da Xunta. O auto de imputación estendeuse posteriormente ao exconselleiro Dositeo Rodríguez, que meses máis tarde foi relevado do Consello de Contas, e á súa filla Covadonga Rodríguez, acusados de concertar a indemnización acordada a Cavanna.

Os avogados de Castaño e Cavanna presentaron varios recursos contra o procedemento xudicial en marcha alegando, entre os seus argumentos, contra o feito de que as dilixencias previas transformáronse nun procedemento do Tribunal do Xurado porque consideraban que o delito de malversación de caudais públicos debe ser cometido por un funcionario público.

A Audiencia subliña que aínda que a entidade xurdiu en 1986 como fundación cultural, privada e permanente de interese galego, houbo modificacións estatutarias en 2010 e 2012, "recoñecéndose nesta última un carácter explicitamente público; de feito denomínase xa Fundación Pública Galega Camilo José Cela".

Engade que un acordo en 2010 entre o Goberno autonómico e a Fundación "recoñecía xa expresamente" que ese ano "o financiamento da Xunta excedía en máis do 50% dos ingresos", polo que considera que non hai razón para desestimar unha investigación dun delito de malversación de caudais públicos.

Comentarios