Desestimada unha demanda de Marga Pazos contra a CRTVG

A xornalista denunciaba que se producira unha modificación substancial das súas condicións de traballo pero o xulgado entende que a medida da corporación é "axustada á dereito"

A xornalista Marga Pazos. @DefendeAGalega
photo_camera A xornalista Marga Pazos. @DefendeAGalega

O xulgado do Social número 2 de Santiago desestimou a demanda presentada pola xornalista Marga Pazos contra a CRTVG, a través da que denunciaba unha "modificación substancial" das súas condicións do contrato de traballo. 

No fallo, ante o que cabe recurso de súplica no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a xuíza absolve o ente público de todas as peticións na súa contra. 

A xornalista e presentadora dos informativos da TVG denunciaba que fora relegada das súas funcións como redactora "para limitala ás funcións obsoletas de locutora de TV". O comité de empresa, a través dun comunicado en febreiro, tachaba a decisión da directora de Informativos, Concha Pombo, de "grave represalia" contra Pazos pola súa participación activa nos Venres Negros, as protestas que levan a cabo desde hai meses parte dos traballadores da corporación.

Esta medida chegaba, segundo denunciaba o comité de empresa, despois de que á xornalista se lle recoñecese, mediante unha sentenza en primeira instancia, o seu dereito "a percibir o complemento de nivel (de locutora e redactora) despois de quedar acreditado que leva anos desenvolvendo esas funcións".

No entanto, o último fallo do xulgado recolle que a acción da CRTVG é "axustada á dereito". "Tras a sentenza dictada por este xulgado na que se lle condena [á CRTVG] ao pago das diferenzas salariais por desenvolvemento de funcións de categoría superior, cesa lexítimamente a mobilidade funcional e atribúe á traballadora funcións da súa categoría profesional". E engade a sentenza que a corporación tamén respecta o deber que ten de "evitar o incremento do coste de persoal inxustificado". 

Comentarios