Descobren a un rioxano cun documento falsificado para irse a Poio de vacacións

Presentou un xustificante para asistir a unha peritaxe nunha empresa naútica de Sanxenxo e ata escribiu mal o nome do municipio
Una patrulla de la Policía Local de Poio. DP
photo_camera Unha patrulla da Policía Local de Poio. DP

A Policía Local detectou o pasado martes a unha persoa procedente de Logroño que se desprazou ata Poio cun xustificante falso para asistir a unha suposta peritaxe nunha empresa náutica de Sanxenxo. Esta persoa estaba aloxada en Raxó e os veciños foron quen alertaron da súa presenza na zona.

A Policía Local identificou ao individuo nas proximidades do porto e este presentou unha declaración responsable realizada por un empresario de Sanxenxo para unha peritaxe nunha empresa náutica no período comprendido entre o 28 de marzo e o día 6 de abril, é dicir, durante toda a Semana Santa.

Os axentes recolleron a documentación entregada para verificar a autenticidade do documento. Nas dependencias da Xefatura de Policía Local puideron observar que aparecía mal escrito o nome do municipio ("Sanxenso") e ao contactar co asinante da declaración responsable este manifestou  que non emitiu o documento e que a que figura non é a súa firma.

Por todo iso, a Policía Local abriu dilixencias xudiciais por un presunto delito de falsificación documental e notificouse proposta de sanción a esta persoa por saltarse o peche perimetral de Galicia. Ademais, indicáronlle que debía abandonar a comunidade nese preciso momento, ao que accedeu voluntariamente.

Comentarios