A Policía Local detectou o pasado martes a unha persoa procedente de Logroño que se desprazou ata Poio cun xustificante falso para asistir a unha suposta peritaxe nunha empresa náutica de Sanxenxo. Esta persoa estaba aloxada en Raxó e os veciños foron quen alertaron da súa presenza na zona.
A Policía Local identificou ao individuo nas proximidades do porto e este presentou unha declaración responsable realizada por un empresario de Sanxenxo para unha peritaxe nunha empresa náutica no período comprendido entre o 28 de marzo e o día 6 de abril, é dicir, durante toda a Semana Santa.
Os axentes recolleron a documentación entregada para verificar a autenticidade do documento. Nas dependencias da Xefatura de Policía Local puideron observar que aparecía mal escrito o nome do municipio ("Sanxenso") e ao contactar co asinante da declaración responsable este manifestou que non emitiu o documento e que a que figura non é a súa firma.
Por todo iso, a Policía Local abriu dilixencias xudiciais por un presunto delito de falsificación documental e notificouse proposta de sanción a esta persoa por saltarse o peche perimetral de Galicia. Ademais, indicáronlle que debía abandonar a comunidade nese preciso momento, ao que accedeu voluntariamente.