Os deputados galegos doan parte do seu soldo ou piden reducilo pola crise sanitaria

Gonzalo Caballero avanza que doará a metade dos seus ingresos e os populares aseguran que achegarán un 30%. Os parlamentarios do Grupo Común da Esquerda solicitan á Mesa que se lles reduza a nómina ao salario base. O BNG xa anunciara achegas

Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Minuto de silencio polas vítimas do coronavirus no Parlamento galego. EP

Os deputados que quedan na Cámara galega, os que integran a Deputación Permanente, sumáronse ás achegas económicas na loita contra o coronavirus e, neste sentido, baixáronse o soldo ou pediron reducir os seus ingresos durante o tempo que se prolongue o estado de alarma e a urxencia sanitaria. 

Así, achegarán á loita contra o coronavirus o 30 por cento do seu salario os deputados do PPdeG, o grupo maioritario da Cámara, que conta con 18 deputados na Deputación Permanente --entre titulares (nove) e suplentes (nove)--, aos que hai que sumar os conselleiros que conservan a súa acta (catro) e Alberto Núñez Feijóo, que cobran salario do Goberno.

O presidente e os dez conselleiros anunciaron, pola súa banda, que doarán tamén un 30% do seu soldo de abril para a loita contra o Covid-19. 

Mentres, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, avanzou en Twitter que doará o "50 por cento dos seus ingresos desde que se decretou o estado de alarma para a loita contra a crise xerada polo Covid-19".

Gonzalo Caballero, que explica que os deputados estatais, senadores e parlamentarios autonómicos tamén contribuirán con doazóns a facer fronte á crise do Covid-19, remitiu unha carta á militancia e aos responsables públicos do partido para invitar a participar nesta campaña.

O Parlamento anunciou unha transferencia á Xunta dunha partida de 2 millóns de euros procedentes do remanente de tesourería

Pola súa banda, os deputados do Grupo Común da Esquerda, con cinco integrantes na Deputación Permanente entre titulares e suplentes, presentaron un escrito ante a Mesa para pedir que se lles reduza a nómina ao salario basee. É dicir, de 5.052 euros brutos pasar a cobrar 2.067, uns 1.400 euros mensuais --en función das retencións de cada un-- mentres dure a crise do Covid-19.

No escrito, con data de este domingo 5 de abril, os parlamentarios sosteñen que a crise do coronavirus "precisa unha implicación activa de toda a sociedade, que fai un esforzo extra para atender todas as necesidades e non deixar a ninguén atrás".

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, anunciou o pasado sábado que os deputados nacionalistas doarían parte do seu salario do mes de marzo a proxectos de investigación vinculados á loita contra o Covid-19.

Mentres, En Marea --cuxos deputados conforman o Grupo Mixto-- tamén informou de que a formación política contribuirá á loita contra a pandemia, tanto con soldos dos deputados, como fondos da propia organización política.

Con todo, e a pesar da decisión adoptada na reunión da coordinadora deste luns, esta formación política "non renuncia a manifestar publicamente que tanto para estados de normalidade e como de emerxencia, é necesario que o Estado dispoña recursos suficientes obtidos de forma progresiva en función da capacidade económica de cada un, é dicir, pola vía dos impostos".

Tamén o Parlamento de Galicia anunciou unha transferencia á Xunta dunha partida de 2 millóns de euros procedentes do remanente de tesourería da institución para contribuír ás necesidades orzamentarias derivadas da pandemia.

Comentarios