As Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra piden a Feijóo "un maior apoio" á hostalería

Entenden que as entidades locais fixeron un "importante esforzo" desde o inicio da pandemia, mentres que a Xunta "mantén a súa presión fiscal aos sectores máis afectados"
José Tomé, durante a reunión telemática con Valentín González Formoso e Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE LUGO
photo_camera José Tomé, durante a reunión telemática con Valentín González Formoso e Carmela Silva. DEPUTACIÓN DE LUGO

As Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, presididas por militantes do PSdeG, acordaron este venres esixir ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "un maior apoio" aos sectores máis afectados polos efectos da pandemia, como a hostalería e o comercio local, informa a institución provincial coruñesa.

Nunha videoconferencia na que participaron os presidentes e a presidenta das tres Administracións provinciais socialistas, Valentín González Formoso (A Coruña), José Tomé (Lugo) e Carmela Silva (Pontevedra), aseguraron que todas as Deputacións e a maioría de Concellos puxeron xa en marcha liñas de axudas para apoiar aos sectores produtivos máis afectados.

Esta fronte común, indica a mesma fonte, chega "tras nove meses de esforzo do mundo local sen ter recursos nin competencias".

Así, esixiron que a Xunta incremente o seu apoio a sectores como o da hostalería ou o pequeno comercio implantando bonificacións fiscais nos impostos de carácter autonómico que carga a estes sectores, como o canon de tratamento de lixo de Sogama, o canon de augas ou o tramo autonómico de IRPF.

As tres Deputacións entenden que as entidades locais fixeron un "importante esforzo" bonificando ou suprimindo temporalmente taxas e impostos, mentres que a Xunta "mantén a súa presión fiscal aos sectores máis afectados", condenan.

González, Tomé e Silva coincidiron en destacar "a falta de respecto e lealdade institucional" da Administración autonómica na forma en que se deu a coñecer o fondo de cooperación, "sen pactalo previamente coas entidades locais", que xa teñen en marcha os seus propios plans para paliar os efectos económicos da crise.

Neste sentido, lamentan que "a cogobernanza que Feijóo pide ao Goberno de España non a aplique en Galicia".

Esta petición conxunta chega un día despois de que o presidente da Xunta pedise unha maior implicación a Deputacións e concellos e ao Goberno central para apoiar á hostalería.

Núñez Feijóo avogou pola colaboración doutras administracións públicas para axudar a este sector; a Administración xeral do Estado "abonando os Erte" en tempo e forma e a municipal "non cobrando impostos: de lixos, auga, IBI, IAE e terrazas".

"Non me parece razoable que se pasen a cobranza ao sector da hostalería estes tributos", incidiu este xoves o presidente galego, que se mostrou a favor do denominado "modelo Valencia", cun 50% de fondos por parte do Goberno autonómico, un 30% polas deputacións e un 20% polos concellos.

Comentarios