Garderías gratuítas, medida estrela de Feijóo no debate do estado da autonomía

Pontón pide "pensar unha Galicia en grande" e Caballero acusa o presidente da Xunta de centrarse en ser "opositor ao Goberno central"
Feijóo, Pontón y Caballero. LAVANDEIRA JR
photo_camera Feijóo, Pontón y Caballero. LAVANDEIRA JR

O primeiro debate do estado da autonomía desta lexislatura deixou a un presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e aos líderes de BNG e PSdeG aínda máis afastados nas súas posturas e poucos anuncios sobre a acción futura do Goberno, entre os que destaca o da gratuidade das escolas infantís a partir do próximo curso.

Feijóo e a oposición acusáronse mutuamente de non "pensar en Galicia" e realizaron unha batalla de datos sanitarios, económicos e sociais nunha xornada na que o presidente galego iniciou a súa intervención anunciando que "se ve o final do túnel" da pandemia do coronavirus.

Tras unha primeira intervención de Feijóo pola mañá, de máis de dúas horas, na que debullou as medidas previstas polo seu Goberno a incluír no proxecto de orzamentos que aprobará a semana que vén, pola tarde o debate foi subindo de ton e terminou nun enfrontamento case a nivel persoal entre o presidente e a líder da oposición.

Feijóo exemplificou o cambio que cre que se produciu no BNG referíndose aos políticos cos que Ana Pontón "forraba o seu cartafol", que asegurou que eran antes Pujol e Ibarretxe mentres que agora os seus socios son Bildu e ERC.

"A vostede preocúpalle o forro do meu cartafol, a min o que me preocupa é que os seus amigos se forren á conta dos galegos", replicoulle Pontón, quen lle reprochou insistentemente que non pense nunha "Galicia grande" como si asegura que quere o BNG, para o que expuxo un decálogo de propostas neste debate.

Con Gonzalo Caballero o enfrontamento chegou a unha acusación de filibusterismo "parlamentario" por parte do líder dos socialistas galegos, tras acusarlle Feijóo de dar "datos falsos" e de estar "en canto peor mellor".

Tanto o BNG como o PSdeG consideran que Núñez Feijóo en lugar de centrarse nos problemas de Galicia está "a facer de opositor" ao Goberno central desde a comunidade para "ser útil" ao presidente do PP, Pablo Casado, e afeáronlle as súas políticas "conservadoras" e incluso "ultras".

Feijóo xa puxo pola mañá o seu modelo de "moderación galega", como exemplo para toda España, xa que é un "contrapunto" á " inestabilidade, frivolidade e sectarismo" que ao seu xuízo dominan na política estatal.

RESIDENCIAS. Á parte da gratuidade das escolas infantís, o presidente galego anunciou que a partir de 2022 porase en marcha o novo modelo de residencias en Galicia que incluirá "grupos máximos de convivencia de 25 persoas" que servirán "como pequenos fogares dentro de cada centro", e unidades de coidados tras as altas hospitalarias.

Ademais, a Xunta aprobará un plan estratéxico 2021-2030 e prevé unha baixada de impostos que se concretará nos próximos orzamentos", garantiu o presidente.

Estas medidas foron recibidas como "propaganda" por parte da oposición, que reclamou un "cambio de modelo" para afrontar a recuperación de Galicia tras a crise pola pandemia do coronavirus e debuxaron un panorama actual totalmente distinto ao que reflectiu Núñez Feijóo.

Os grupos parlamentarios teñen de prazo ata este xoves ás 10:30 da mañá para presentar as súas propostas de resolución, un máximo de 40. Pero dispoñen de tempo ata as 22.30 da noite para rexistrar as que sexan negociadas ou transaccionadas entre varios grupos.

HOMENAXE A VALERIANO MARTÍNEZ. O pleno darrincou cun minuto de silencio polo falecemento repentino do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, e unhas palabras de recordo para o que foi tamén deputado da Cámara autonómica.

"Un servidor público excepcional", en palabras do presidente da Cámara galega, Miguel Santalices. No seu escano azul como membro do Goberno autonómico, entre o vicepresidente segundo e a conselleira de Medio Ambiente, unha hortensia branca e senllos exemplares da Constitución e do Estatuto de Autonomía.

Tras un pechado aplauso de todo o hemiciclo galego e nos primeiros minutos da súa intervención, o presidente da Xunta, Albert Núñez Feijóo, con gravata negra, tamén tivo palabras de memoria para quen o acompañou na Administración pública máis de 30 anos.

"As miñas primeiras palabras teñen de agradecemento en nome do Goberno galego e funcionarios", comezou Feijóo ao arranque da súa intervención, quen destacou, visiblemente emocionado, que as condolencias chegaron desde distintos ámbitos ideolóxicos, o que "demostra que era querido e respectado".

Homenaje a Valeriano Martínez. PEPE FERRÍN

Comentarios