Currás: ''Os analistas xa están a cambiar o concepto que tiñan de España''

A secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, Marta Fernández Currás, destacou hoxe que os analistas "xa están a cambiar o concepto que tiñan" de España e que non serán necesarios novos recortes.

Nunha entrevista concedida á Radio Galega, a exconselleira de Facenda de Galicia valorou o grao de cumprimento do obxectivo de déficit por parte das Comunidades autónomas, desde unha "toma de conciencia" de que España como membro da UE ten que "dar contas do que fai", cando en 2010 e 2011 "estabamos a nos arroxar os trastos á cabeza uns a outros".

Preguntada se serán necesarios novos esforzos por parte da cidadanía, respondeu: "Non" e explicou que as medidas estruturais necesarias están xa nos orzamentos aprobados, onde se fixa a "senda de converxencia", cuns resultados que "son demostrativos de que imos na liña correcta".

A dirixente do Ministerio de Facenda destacou o conseguido coa reforma financeira, sobre a que "non crían (no exterior) que fósemos capaces" e recentemente -recordou- "o FMI dixo que o sector financeiro español é un dos máis solventes do mundo".

Fernández Currás valorou a evolución das contas de Galicia, unha autonomía que "é solvente e ten claras as cousas", polo que a definiu como "un valor seguro".

Comentarios