¿Cantos bebés naceron o ano pasado no teu concello? Nove quedaron a cero

Só cinco municipios galegos rexistraron en 2020 máis nacementos que mortes, ningún en Lugo
Los pies de un bebé.AEP
photo_camera Los pies de un bebé.AEP

Nunca antes houbera menos nacementos nun ano en Galicia, nin tampouco máis mortes, polo menos desde que leva as contas o Instituto Galego de Estatística. É o dobre récord rexistrado en 2020 que reflicten os datos do Ige, cuxa serie histórica remóntase a 1975 e retrata o avance dunha crise demográfica que na comunidade alcanzou a categoría de sangría. 

Basta con ver que o ano pasado rexistráronse máis do dobre de falecementos (32.822) que de nacementos (15.261), agrandando unha fenda que se comezou a abrir a mediados dos 80 e que se foi estendendo ata cubrir case todo o territorio. E é que hoxe son excepción os municipios nos que os partos superan ás mortes. Algúns non chegan a recibir ningún bebé en todo un ano.

En 2020 foron nove os municipios galegos nos que non naceu ningún bebé, tres na provincia de Lugo. Estes son Cervantes, a veciña Navia de Suarna e Ribeira de Piquín, que quedaron a cero como os ourensáns A Arnoia, Carballeda de Avia, Parada de Sil, Pontedeva, A Teixeira e Quintela de Leirado. Os dous últimos, de feito, levan dous anos seguidos sen rexistrar nacementos.

A situación non é moito mellor en concellos como As Nogais ou Negueira de Muñiz, cun único caso en todo 2020, outra evidencia da dramática situación demográfica da Montaña lucense.

 Máis información: ¿Cal é a idade media do teu concello? O municipio lucense con máis anos lévalle' 16 ao máis novo

Aínda que eses casos son excepcionais, e concéntranse en municipios por baixo dos 1.500 habitantes, o certo é que en Galicia son moi poucos os concellos que rexistran máis nacementos que mortes. Para contar os de toda Galicia en 2020 abondan os dedos dunha man, porque son Arteixo, Oroso, Ames, O Porriño e Salceda de Caselas. E por marxes estreitas, xa que a máis folgada tena Ames, e alí só se rexistraron 48 partos máis que defuncións.

En Lugo, como en Ourense —as dúas provincias máis avanzadas no envellecemento—, non houbo ningún concello nesa situación o ano pasado.

No caso lucense non axuda a iso que só un municipio superase o centenar de nacementos: a capital.

Os 5 municipios lucenses con máis nacementos
Lugo     585
Monforte     96
Viveiro     92
Sarria 81
Vilalba 81

 

A lista é máis ou menos previsible, porque eses son os concellos con máis poboación da provincia. O ranking varía se se miden os nacementos en comparación coa súa poboación. Nese caso gañarían Rábade e Burela.

Comentarios