A CRTVG, primeira autonómica de España en lanzar unha canle integramente por Youtube

Calquera persoa poderá acceder en directo á programación de TVG Europa, os partidos de Segunda B e Terceira ou unha versión especial do Dígocho eu
Esther Estévez. CRTVG
photo_camera Esther Estévez. CRTVG

A Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) inicia este luns a emisión ininterrompida do seu sinal internacional a través da plataforma Youtube, converténdose na primeira autonómica e unha das primeiras televisións xeneralistas de España en ofrecer contido en Youtube as 24 horas do día e todos os días da semana en directo. 

Con esta acción, a CRTVG segue desenvolvendo a súa estratexia de creación de canles dixitais, co obxectivo de mellorar a experiencia de consumo para todos os usuarios, e de difusión da lingua e a cultura galega, especialmente para os que acceden aos contidos da Corporación desde fóra de Galicia. 

A través do canle verificada da CRTVG en Youtube (www.youtube.com/tvg), calquera persoa pode acceder á sinal en directo da canle TVG Europa, ademais dun amplo repositorio de contidos propios elaborados en TVG. 

A esta oferta engádeselle a emisión en directo dos eventos máis demandados polos espectadores da TVG, como os partidos de fútbol dos equipos galegos que xogan na Segunda B e na Terceira división.

CONTIDOS ORIXINAIS. A canle conta tamén con contidos orixinais creados pola redacción de informativos, como a sección #Menosdunminuto, que explica en 60 segundos a noticia máis destacada de cada día, ou unha versión especial para Youtube da canle #Dígochoeu, con máis de 480 vídeos e 150.000 seguidores. 

Na canle de Youtube da CRTVG tamén se incluirán vídeos especiais cos momentos máis divertidos de programas de TVG como Land Rober Tunai Show ou Luar.

Comentarios