Crecen un 11% os positivos en residencias galegas, onde faleceron outros 8 maiores

Contabilízanse 657 casos entre residentes e 232 de traballadores. Trasladados outros dous maiores de Aldán a Nigrán
Entrada de la Residencia Nuestra Señora de la Esperanza de A Farixa. GSV
photo_camera Entrada da Residencia A Nosa Señora da Esperanza da Farixa. GSV

As cifras de mortes e contaxios por coronavirus nas residencias de maiores de Galicia experimentaron un novo repunte nas últimas horas, segundo reflicten as últimas estatísticas actualizadas da Consellería de Política Social.

Oito novos decesos elevan a 42 o número de maiores falecidos nas propias residencias de maiores, sen contar os que morreron nos hospitais. Son tres en Barreiro (Vigo), dous en Cangas, e un en Celanova, A nosa Señora da Esperanza-San Rosendo (Ourense) e O Portazgo (A Coruña).

En canto aos contaxios, rexístrase un repunte dun 11% con respecto ao reconto do domingo con 103 casos máis entre residentes, para elevar a cifra a 657, e entre traballadores, 23 máis, para un total de 232.

Gran parte deses novos contaxios confirmados corresponden ao centro DomusVi San Lázaro, que acumula 85 positivos entre pacientes, 42 máis que no parte do domingo, e 30 traballadores, 19 máis. Tamén á residencia San José Otero (Santiago), que pasou de 5 a 22 usuarios, ademais dun traballador.

Na provincia de Lugo hai media ducia de centros con residentes afectados

Entre as dúas residencias intervidas pola Xunta, DomusVi Barreiro e DomusVi Cangas, suman 28 falecidos, 16 nas súas propias instalacións máis outros 12 en hospitais, e 166 contaxios, só de usuarios, máis outros 28 entre traballadores. Na de Cangas, en concreto, contábanse a última hora do domingo 102 positivos en Covid-19 e 11 usuarios falecidos. E había 17 traballadores afectados.

Con todo, a residencia da Nosa Señora da Esperanza de Ourense segue sendo o principal foco de Covid-19, con 140 contaxios (106 usuarios e 34 profesionais), ademais de oito residentes falecidos.

Ademais, hai 41 afectados en San Carlos de Celanova; 37 no Portazgo da Coruña; 22 na da Nosa Señora de Fátima do Barco de Valdeorras; 17 na Concepción Arenal da mesma localidade; 17 na San Pedro de Crecente; 15 na Moledo de Vigo; outras 15 no CRAPD da cidade olívica; 14 na DomusVi Matogrande da Coruña; 10 na Claudina-Somoza; 8 na residencia Fogar Bellolar da Coruña, e 14 na de Castro Caldelas, entre outros centros.

Na provincia de Lugo, cóntanse positivos nas residencias de Castro de Rei (2), a DomusVi de Chantada (1), a de Foz (5), a Virxe da Luz de Monforte (1), a DomusVi Monforte (2) e a residencia Betania de Viveiro (2).

Ademais, hai casos entre traballadores en Foz (7), DomusVi Monforte (5), Burela (2), Avime de Cospeito (2), Castro de Rei, DomusVi Chantada, nas Gándaras de Lugo, A Milagrosa de Lugo, en Betania Viveiro e en San Rafael de Mondoñedo. Nestas últimas hai un caso.

En canto aos centros de discapacitados, a cifra de contaxios ascende a 50 usuarios, un máis que no anterior reconto, e a 40 traballadores, un máis. Os positivos no CAPD de Redondela ascende a 49, igual que no anterior reconto.

Trasladados outros dous maiores de Aldán a Nigrán
O traslado doutros dous residentes do centro xeriátrico DomusVi de Aldán, en Cangas, eleva a 21 os usuarios das residencias intervidas pola Xunta que foron reacollidos na residencia de tempo libre do Goberno galego en Nigrán.

O pasado xoves foron trasladados a ese centro, situado en Panxón, catro usuarios da residencia DomusVi do barrio vigués de Barreiro; mentres que este domingo foron levados outros 15 maiores, 7 desde Barreiro e 8 desde Aldán.

Comentarios