Creada unha liña de axudas de 2 millóns para reactivar o sector das orquestras

La orquesta París de Noia estará presente en las Festas de Cantodarea el próximo 29 de abril
photo_camera Actuación dunha orquestra. ARQUIVO

O Goberno galego autorizou un investimento de 2 millóns de euros a dous anos para apoiar a actividade das orquestras na comunidade, segundo anunciou o seu titular, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. 

Farao a través dunha liña de axudas para colaborar con estas empresas nos gastos dos eventos que desenvolvan en Galicia ou fóra da comunidade, e que nas súas xiras e materiais promovan o Xacobeo 2021 —tanto no último trimestre deste ano como no próximo— para que se consolide "como un evento estratéxico" na reactivación "económica e emocional" de Galicia. 

As axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, avaliando entre outras cuestións, o número de actuacións realizadas en Galicia e fóra dela o ano pasado por contratos ou o número de compoñentes da orquestra. 

Así, sufragaranse gastos como o de aluguer de equipos, locais, carpas ou similares, gastos directos dos artistas como salarios, viaxes ou dietas así como calquera outro gasto relativo no evento, e serán para actividades que se celebren entre o 1 de outubro de 2020 e o 31 de outubro de 2021. 

Os beneficiarios promocionarán o Xacobeo 2021 nas súas xiras e concertos dentro e fóra de Galicia, e contarán cunha serie de concertos polos distintos concellos.

O sector suma en Galicia 250 empresas e dá emprego directo e indirecto a máis de 5.000 persoas.

Comentarios