Costas tacha de ''canallada'' a multa a Construcuatro

A xefa da demarcación de Costas en Pontevedra, Cristina Paz Curbera, tachou esta mañá de ''canallada" a multa de tres millóns de euros á empresa Construcuatro por invadir o dominio público na construción dun edificio na praia de Silgar de Sanxenxo.

O socio da compañía e ex alcalde da vila Telmo Martín reservouse unha vivenda no inmoble, sobre o que recaeu unha multa de tres millóns que foi levantada pola Xunta o pasado decembro e que está pendente dun recurso xudicial da asociación ecoloxista Salvemos Pontevedra. "O de Construcuatro foi unha carallada, eu non quero falar disto porque foi unha canallada", sinalou de entrada Paz Curbera aos xornalistas tras un encontro co delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

Despois explicou en que a proposta de sanción por invadir a liña de 20 metros de dominio público partiu dun "erro de grafiado importantísimo nos nosos planos desde 1998" que o propio servizo de Costas detectou "por casualidade". "Culpa deles non era, metemos a pata os de Costas, a empresa que fixo o deslinde que grafiou mal a protección. Eu téñoo demostrado", afirmou.

A xefa de Costas asegurou que o problema afecta a todos os edificios ante a praia de Silgar "pero claro, como era Telmo todo o mundo contra o pobre Telmo ou o alcalde que fora". "Cebáronse con el e non tiñan razón", aduciu, tras dicir que a cuestión "é moi fácil de legalizar cun estudo para a homoxeneización da fachada marítima".

A xefa de Costas, que retornou ao cargo o pasado abril como consecuencia do cambio de Goberno en Madrid, asegurou tamén que a cuestión dos núcleos rurais de Marín "vaise arranxar" coa modificación da Lei de Costas.

Respecto da posibilidade de prorrogar a concesión da pasteira Ence, asegurou que se hai contactos entre Goberno e empresa "é coa dirección xeral, non co servizo provincial", e non aclarou se se contempla alargar o prazo máis aló do que fixa agora a lei de 2018.

Comentarios