Cosmos ten ''esperanzas'' cara a reunión con Votorantim e Igape

O presidente do comité de empresa da fábrica que Cementos Cosmos de Oural (Sarria), Francisco López, afirmou que os representantes dos traballadores acoden "con ilusión" e "esperanza" á reunión a tres bandas que manterán mañá en Santiago coa dirección de Votorantim e o Igape.

López informou a Efe de que esa reunión ía celebrarse onte –luns, día 4 de xaneiro–, pero que foi aprazada por problemas de axenda do director xeral do Igape, Javier Aguilera, que si estará presente no encontro de mañá, que terá lugar ás cinco e media da tarde na sede do organismo.

Para o presidente do comité de empresa, a reunión de mañá pode ser transcendental para o futuro da fábrica de Oural, que xera máis douscentos postos de traballo, entre directos e indirectos.

Ademais, confía en que "as tres partes poidan alcanzar un acordo satisfactorio para todos" a pesar das dificultades.

De feito, os traballadores seguen insistindo en que a fábrica é "viable" e "rendible" e o comité recorda que os empregados puxeron encima da mesa un plan para reducir os custos de produción da factoría nuns catro millóns de euros.

Agora, sostén Francisco López, é ao propio "grupo Votorantim" e á Xunta de Galicia "aos que lles toca mover ficha", para facer posible un "proxecto de exportación" que garanta a supervivencia e o futuro da fábrica de Oural.

Comentarios