A Coruña presume de que só Alvedro gañou pasaxeiros en agosto en todo o noroeste

A tenente de alcalde de Emprego e Empresa da Coruña e presidenta do Consorcio de Turismo, Luisa Cid, asegurou hoxe que as últimas estatísticas de Aena sitúan ao aeroporto de Alvedro como o único do noroeste español que gañou pasaxeiros e o noveno dos catorce aeródromos do estado que máis creceu.

As cifras de Aena que achega o Concello reflicten que en agosto Alvedro recibiu 79.281 pasaxeiros, un 1,8% máis que no mesmo mes do ano 2012.

Cid sinalou que eses números demostran unha vez máis que na Coruña "hai demanda e que os nosos esforzos por adaptar a oferta de rutas e voos a esa demanda dan os seus froitos". "Por terceiro mes consecutivo, Alvedro é o único aeroporto galego que crece en termos interanuais", dixo antes de engadir que se trata dun "dato moi bo".

A tenente de alcalde lamentou que o resto dos aeródromos da comunidade -Lavacolla e Peinador- perdan pasaxeiros. "é bo que os tres aeroportos funcionen ben porque a conectividad é clave para Galicia", indicou Luisa Cid, quen explicou que o obxectivo é "igualar ou incluso superar a cifra do pasado ano", cando se alcanzaron "os 850.000 pasaxeiros".

Comentarios