A Coruña espera adxudicación da Fábrica de Armas en setembro

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, espera que se adxudique a Fábrica de Armas da cidade en setembro mentres inaugura unha zona deportiva e de lecer que aproveita 17.000 metros cadrados da antiga factoría.

O rexedor herculino saldou, deste xeito, "unha débeda histórica cos barrios de Pedralonga, de Palavea e de Santa Gema para dotalos dunha zona de lecer e unha zona deportiva que non existía".

Esta obra, feita en apenas un mes e cunha dotación de 250.000 euros, fai un espazo de convivencia" e unha "contorna onde todos poidan gozar" e que continuará pronto cunha piscina e outra serie de actuacións mentres que a parte industrial espera unha solución.

"Recordo aos traballadores da Fábrica de Armas, especialmente aos que seguen aí esperando unha decisión que esperamos que no mes de setembro poida chegar", continuou.

En total hai dúas ofertas, unha do Grupo Iffe e outra de Hércules de Armamento entre as que o Ministerio de Defensa deberá elixir nun concurso que leva xa varios meses aberto.

"É o momento máis difícil. Agora é o momento de toma de decisións, de ver que empresa xerará actividade económica e un proxecto para o espazo da Fábrica de Armas", engadiu.

Son "momentos de paciencia" e Negreira está "seguro de que no mes de setembro haberá unha decisión sobre a mesa" e poderase "completar ese proxecto para a esperanza e para o traballo".

Comentarios