A Coruña celebra unha nova conexión os luns e os mércores de Alvedro con Barajas

O Concello da Coruña celebrou hoxe a decisión de Iberia de recuperar unha das súas conexións dos luns e os mércores entre os aeroportos de Alvedro e Madrid-Barajas Adolfo Suárez.

A concelleira de Turismo e tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, asegurou hoxe que a decisión confirma que Alvedro se consolida como o aeroporto galego mellor conectado coa capital de España e demostra que a "xestión rigorosa e responsable" dá os seus froitos.

A edil fixo fincapé, a través dun comunicado, na necesidade de continuar traballando pola mesma senda e recordou que os usuarios de Alvedro dispoñen de case trinta frecuencias semanais con Madrid a través de Air Europa, Air Nostrum e Iberia, compañía esta última que reforzará durante a tempada de inverno as súas conexións.

Farao os luns e os mércores, pois na actualidade ofrece catro frecuencias eses días e agora ofrecerá unha quinta conexión, a través de Air Nostrum a partir do próximo 17 de novembro con saída ás 20.35 horas.

Comentarios