Cortes de tráfico e pantallas xigantes para ver a iluminación do Nadal en Vigo

Caballero espera unha afluencia de público "extraordinaria, espectacular", o día do aceso

Abel Caballero. DP
photo_camera Abel Caballero. DP

O Concello de Vigo organizará un dispositivo especial de tráfico con motivo do aceso da iluminación do Nadal, que se mantén para o sábado ás 19.30 horas, pendente dos prognósticos meteorolóxicos, e que se poderá seguir tamén a través de seis pantallas xigantes.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, detallou en rolda de prensa que o día do aceso da iluminación do Nadal haberá cortes progresivos nas rúas do centro, principalmente a contorna de Porta do Sol, Príncipe e Policarpo Sanz, a partir das 16.30 horas, e tamén se reordenarán as conexións a autoestrada AP-9. Así pois, en función da afluencia de público, que Caballero prevé que sexa "extraordinaria, espectacular", desviaranse os vehículos que proveñan ou se dirixan á AP-9 pola Baixada da Estación e pola Travesía de Vigo.

Ademais do día do aceso, haberá restricións de tráfico rodado no centro os fins de semana e festivos, entre as 18.00 e as 22.00 horas, na contorna de Porta do Sol. As pantallas xigantes a través das cales se poderá ver o aceso das luces de nadal estarán situadas nun lateral de Porta do Sol, na Casa das Artes, no cruzamento de Policarpo Sanz con Colón, no cruzamento de Príncipe con Velázquez Moreno e nos de Urzáiz con Príncipe e con Lepanto. 

Comentarios