Estabilizado o incendio de Palmés tras queimar 230 hectáreas

O home detido o martes quedou libre con cargos, mentres Medio Rural combate tres incendios máis na provincia. Declarados extinguidos os dous do fin de semana nos Ancares e O Courel

A superficie calcinada polo incendio declarado este martes na parroquia ourensá de Palmés elévase a 230 hectáreas e atópase xa estabilizado, segundo os últimos datos feitos públicos pola Consellería do Medio Rural. O home que foi detido o mesmo martes pola súa relación co lume quedou en liberdade, pero imputado.

O lume en Palmés, iniciado ás 16.03 do martes, levou a declarar a situación 2 de urxencia, porque as chamas achegáronse perigosamente ás casas. Esta situación quedou desactivada ás 14.15 horas deste mércores, aínda que permanecían activos varios puntos de incendio. Ademais, a densa fumareda cobre a cidade.

En canto ao detido, tras prestar declaración na tarde deste mércores, quedou en liberdade con cargos. Segundo fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), impútaselle "un delito de incendio forestal", mentres "continúa a investigación" para aclarar o ocorrido.

Na loita contra este foron interviñeron un técnico, dezasete axentes forestais, e as dotacións de corenta e catro brigadas, dezaoito motobombas, dúas pas, doce helicópteros e once avións, cos que colaboraron membros da UME.

Un brigadista tivo que ser evacuado na tarde deste mércores por un golpe de calor, segundo fontes da Consellería do Medio Rural. Foi trasladado consciente a un centro médico e dado de alta. O día anterior, tamén dous traballadores víronse afectados.

Tres incendios máis en Ourense

Respecto doutros incendios forestais, ás 0.30 deste mércores quedou estabilizado o declarado no municipio ourensán de Vilardevós, na parroquia de Arzádegos, que foi declarado extinguido ás 0.11 deste xoves.

O lume iniciouse ás 18.07 horas deste martes e, segundo as últimas estimacións facilitadas pola Xunta, queimou 102,45 hectáreas, das cales 87,83 son superficie rasa e o resto de superficie agrícola. Na extinción participaron 1 técnico, 5 axentes forestais, 16 brigadas, oito motobombas, 1 pa, dous helicópteros e dous avións.

Outro incendio iniciado o martes ás 19.50 no municipio ourensán de Pereiro de Aguiar, na parroquia de Sabadelle, permanece controlado desde as 1.13 do mércores, con 21 hectáreas afectadas, 18 delas de monte raso.

Este lume afecta a 21 hectáreas, das cales 18 son monte raso e o resto arboledo. No seu control tomaron parte cinco axentes forestais, oito brigadas, oito motobombas, dous helicópteros e tres avións.

Ademais, ao redor das dez da noite foi controlado un lume no municipio de Cualedro, na parroquia de Lucenza, cuxa extensión supera as 20 hectáreas.

Extinguidos oficialmente os incendios de Lugo

Persoal contraincendios tamén mantivo este mércores a vixilancia sobre os dous grandes incendios do fin de semana, iniciados ambos o sábado na provincia de Lugo.

As 410 hectáreas arrasadas na parroquia da Ribeira, en Navia de Suarna, supoñen o maior incendio do verán galego. Este incendio foi declarado extinguido ás 20.40 deste mércores.

O incendio en Folgoso do Courel, no municipio homónimo, foi declarado extinguido ás 21.55 deste mércores. A superficie total queimada é de 195,33 hectáreas, a maioría monte raso.


Comentarios