Convocadas as axudas do Bono Alugueiro Social para que 800 familias manteñan a súa vivenda en 2021

O prazo de solicitude estará aberto desde este xoves ata o 10 de decembro

A partir deste xoves, día 21 de xaneiro, pódense solicitar as axudas do Bono Alugueiro Social, un programa autonómico que busca facilitar o acceso e o mantemento dunha vivenda en réxime de aluguer a aqueles colectivos con maiores dificultades económicas.

A nova convocatoria de subvencións permanecerá aberta ata o próximo 10 de decembro e está dotada con 1,5 millóns de euros para o período 2021-2025, a razón de 300.000 euros por ano, unha contía que, en todo caso, poderá ampliarse, tal como establece a resolución
que saíu publicada onte no Diario Oficial de Galicia.

Con estes fondos, segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, o IGVS estima que poderá subvencionar ao longo de todo o 2021 o aluguer de preto de 800 familias galegas con recursos económicos limitados.

A concesión inicial da axuda será por un período de 12 meses, prorrogables por dous anos máis previa petición do interesado. Posteriormente, poderá ampliarse tamén de forma extraordinaria por outros tres exercicios, polo que a duración máxima de percepción estenderase ata os seis anos.

En todo caso, a contía concedida a través do bono aluguer verase complementada ao longo de todo 2021

Concretamente, os bonos terán unha contía de 225, 200 ou 175 euros ao mes, equivalentes ao 50 por cento da renda mensual máxima da vivenda alugada segundo a localidade na que estea. Así, nas sete cidades o aluguer non poderá superar os 450 euros mensuais, mentres que en concellos de tamaño medio o límite será de 400 euros, e no resto, de 350 euros.

A maiores, o Bono de Aluguer Social tamén prevé a concesión dunha axuda adicional de 600 euros para cubrir os gastos de formalización dun novo contrato de aluguer ou, no caso de que
o beneficiario permaneza na mesma vivenda, para atender débedas subsistentes.

En todo caso, a contía concedida a través do bono aluguer verase complementada ao longo de todo 2021 por outra axuda da Xunta de carácter extraordinario para que os seus beneficiarios non teñan que pagar nada en concepto de aluguer de vivenda.

Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente asumirá entre os meses de xaneiro e decembro o pago do 100% do aluguer de todas familias perceptoras do bono, unha decisión aprobada polo Consello da Xunta a finais do ano pasado e que lle dará continuidade a unha das medidas de carácter social adoptadas xa en 2019 para responder á situación provocada pola crise da Covid-19 entre os colectivos máis vulnerables.

BALANCE DO PROGRAMA

A Xunta recordou que estas axudas se puxeron en marcha no ano 2015 co obxectivo de atender con carácter urxente a aquelas unidades de convivencia que, por estar en situacións de especial dificultade, precisen dunha axuda para poder asumir o arrendamento da súa vivenda habitual.

Desde a creación deste programa e a través das diferentes convocatorias anuais, a Xunta destacou que concedeu 1.114 bonos de aluguer por un importe global de 3.416.150 euros, un balance ao que fai falta engadir as 1.088 prórrogas extraordinarias autorizadas no incluso período e que supuxeron un desembolso adicional de 2.524.965 euros.

O total mobilizado nos últimos seis anos a través do Bono de Aluguer Social, xa que logo, ascende a 5.941.080 euros. Neste período, o programa autonómico foi mellorando e evolucionando co fin de ampliar o abanico de grupos vulnerables aos que vai dirixido.

Así, en 2018 creouse un Bono específico para vítimas de violencia de xénero, os seus fillos dependentes e mulleres obxecto de casos de explotación sexual, unha liña de axudas que se volverá a convocar tamén en 2021.

Comentarios