Mantense a sangría demográfica: Galicia perde 14.598 habitantes en 2015

O avance do novo padrón indica que a poboación inscrita na comunidade reduciuse un 0,5%
Un grupo de mayores, en un banco (Foto: Del Moral)
photo_camera Un grupo de mayores, en un banco (Foto: Del Moral)

A crise demográfica que castiga á comunidade desde hai anos mantivo en 2015 o seu devastador avance. Segundo os últimos datos divulgados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (Ine), a poboación empadroada na comunidade reduciuse en 14.598 persoas entre o 1 de xaneiro do exercicio pasado e o mesmo día deste ano, deixando a cifra de censados en 2.717.749 persoas. Esta perda de residentes inscritos supón en termos porcentuais un descenso do 0,5% e representa entre outros escenarios o menor peso da poboación foránea no padrón autonómico. De feito, a autonomía perdeu en 2015 un total de 3.025 veciños estranxeiros, o que significa unha diminución do 3,3%.

En canto á distribución dos habitantes, o informe do Ine desvela que o 33,3% dos inscritos no padrón viven en concellos que van desde os 10.001 aos 50.000 veciños. E outro dato curioso: o maior número de municipios galegos teñen de 1.001 a 10.000 habitantes (229), fronte a unicamente tres que superan os 100.000. Os estranxeiros, mentres, repártense de forma equilibrada en función da cifra de residentes dos concellos polos que se inscriben (un 4,3% polos de máis de 100.000). Deste xeito, segundo recolle a estatística, só dúas cidades galegas acollen a entre un 15% e un 20% de poboación estranxeira, e tres teñen a entre un 10% e un 15%. 

ESPAÑA. No conxunto estatal, o número neto de españois inscritos no padrón, é dicir, residentes en España, experimentou en 2015 un aumento de 28.933 persoas (0,1%), mentres que o de estranxeiros descendeu en 128.372 (un -2,7%), segundo o avance do padrón continuo a 1 de xaneiro de 2016. A poboación total inscrita en España sitúase en 46.524.943 persoas, 99.439 menos que o ano anterior, unha redución que continúa a tendencia iniciada en 2012, que foi o primeiro ano no que baixou o número de residentes desde que comezasen a publicarse as cifras oficiais da poboación empadroada en 1998.  Desde o ano 2000 o aumento foi debido, fundamentalmente, á inscrición de estranxeiros, cuxa cifra pasou de 923.879 ese ano a 5.751.487 a 1 de xaneiro de 2011.

Esta estatística é provisional. As cifras definitivas, unha vez finalice o procedemento para a súa obtención, e tras o informe favorable do Consello de Empadroamento, elevaranse ao Goberno da Nación antes de fin de ano, para a súa aprobación mediante real decreto, que será publicado no Boe.

Comentarios