miércoles. 18.09.2019 |
El tiempo
miércoles. 18.09.2019
El tiempo

Polémica pola devolución das entradas do Maestral Music Festival

Estado do recinto do Maestral días logo da cancelación do evento. RAFA FARIÑA
Estado do recinto do Maestral días logo da cancelación do evento. RAFA FARIÑA
Os grupos municipais do PSOE e do BNG de Sanxenxo esixen que ao alcalde, Telmo Martín, dea explicacións tanto aos veciños e como aos afectados pola cancelación da cita

A cancelación do Maestral Music Festival deixou por centos de persoas coa entrada na man e sen posibilidade de ver ao seu artista favorito. E agora a incerteza se cerne sobre o público afectado por esta cancelación, xa que aínda non saben cando poderán recuperar o diñeiro investido nas entradas

Ataquilla dera de prazo ata este mércores á organización para devolver o diñeiro dos tickets e así poder esta plataforma proceder ao reembolso deste importe.

Ata o momento a empresa responsable do festival aínda non fixo efectiva esta devolución e tampouco se pronunciou sobre este tema desde a emisión do comunicado para avisar da cancelación do Maestral.

Cabe recordar que esta non é a única débeda pendente da organización do festival, xa que tamén está pendente o pago aos provedores, que ascende a case 600.000 euros.

OPINIÓNS POLÍTICAS. O PSOE e o BNG de Sanxenxo xa se pronunciaron respecto diso e instan o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, a dar as explicacións necesarias con respecto ao festival e á súa cancelación.

A pesar de que a organización do evento recaeu sobre unha empresa privada desde o PSOE de Sanxenxo, a edil Ainhoa Fervenza afirma que "o Concello si é responsable de velar polo cumprimento das obrigacións da empresa beneficiaria", ao que engade que "creo que o mínimo que debe facer é dar aos cidadáns e cidadás unha explicación e esixir unha indemnización polo irreparable dano causado á marca Sanxenxo".

Pola súa banda, a edil do BNG de Sanxenxo, Sandra Fernández Agraso, afirma que "cando as cousas veñen mal dadas Telmo Martín desaparece do escenario, apaga os focos e agóchase para non dar a cara". Ademais, a nacionalista tamén sentencia que "deixa en evidencia as prioridades de Telmo Martín, cara onde quere levar Sanxenxo no sector turístico. Agora tócalle dar a cara e asumir o fracaso absoluto do seu modelo cultural".

A devolución. Só un correo para os afectados
Tras a cancelación total do Maestral as persoas que teñen entradas soamente recibiron un correo electrónico informativo por parte de Ataquilla. Nel a plataforma lamenta a cancelación do evento e avisa aos afectados de que a devolución do importe das entradas non se poderá realizar ata que o organizador do evento efectúe a devolución á plataforma.

Puntos físicos
No comunicado de cancelación do evento a organización asegura que Ataquilla será a encargada de reintegrar de forma centralizada o importe de todas as entradas e que en ningún caso a devolución poderá ser xestionada a través do punto físico de venda situado en Sanxenxo. O que non deixa claro o procedemento a seguir para os que non adquiriron as entradas online.

Polémica pola devolución das entradas do Maestral Music Festival
Comentarios