Continúa grave na Uci a muller agredida pola súa parella en Carballo

O detido pasará a disposición xudicial este mércores
La vivienda de Carballo en la que se produjo la agresión. CABALAR (Efe).jpg
photo_camera A vivenda de Carballo na que se produciu a agresión. CABALAR (Efe)

A muller de 43 anos ingresada este luns en estado crítico no Complexo Hospitalario da Coruña tras ser agredida supostamente pola súa parella permanece en estado grave na unidade de coidados intensivos. Segundo informaron a Europa Press fontes sanitarias, a muller agredida atópase "estable" ingresada na Uci do complexo hospitalario coruñés con "prognóstico grave". 

Os feitos sucederon sobre as 2.45 horas deste luns no lugar de Fonte Caldeira, en Carballo, onde unha testemuña atopou a muller na rúa tras ser agredida e alertou á Garda Civil. 

Os dous fillos menores de idade da parella permanecen baixo custodia dun familiar directo da vítima.

O home fora denunciado hai un ano por vexacións e insultos

O marido da vítima e presunto agresor, sen antecedentes, fuxiu tras a agresión e, logo de ordenar a súa procura a Garda Civil, entregouse na comandancia da Coruña, onde foi detido sobre as 10.15 horas do luns. Desde alí foi trasladado ao cuartel de Carballo. 

Está previsto que o home pase a disposición xudicial este mércores en Carballo, no xulgado de instrución número 1, que é o competente en materia de violencia sobre a muller. 

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, confirmou este luns unha denuncia de hai un ano por vexacións e insultos ao home detido por agredir a súa parella este luns no municipio de Carballo. "O único dato que temos é que non existía ningunha denuncia previa, xa que logo non había orde de afastamento nese sentido e seguían convivindo xuntos", explicou Miñones, para puntualizar que "si había unha denuncia de hai un ano por vexacións e insultos".