O Consello Social da USC premia o traballo da asociación lucense Afalu

O vicepresidente de Alumni, Carlos Herrero, a presidenta do Consello Social da USC, Cecilia Sierra, e a dirixente de Afalu, Carmen Pena. PEPE FERRÍN
A entidade ve recoñecidas dúas décadas de apoio aos enfermos de Alzhéimer e ás súas familias

O Consello Social da Universidade de Santiago (USC) e a asociación de antigos alumnos da institución adadémica (Alumni-USC) entregaron este venres o premio Humanitas á Asociación de Familiares Enfermos de Alzhéimer de Lugo (Afalu) en recoñecemento "ao importante labor que está a desenvolver no coidado dos pacientes e as súas familias, tendo en conta a alta prevalencia desta enfermidade en Galicia debido ao envellecemento". Así o destacou Cecilia Sierra, presidenta do órgano de participación da sociedade galega na USC, quen entregou onte o galardón, dotado con 2.000 euros, á presidenta de Afalu, a lucense María del Carmen Pena.

Nun acto celebrado este venres na sede do Consello Social da USC, na compostelá Rúa da Conga, Sierra explicou que "optaron ao galardón 16 candidaturas de persoas tanto físicas como xurídicas, e todas elas desenvolven unha labor encomiable, polo que non foi doada a elección para o xurado, presidido polo reitor [da USC], Antonio López, e composto por membros de Alumni e do Consello Social. Finalmente, decantáronse por premiar o traballo que Afalu leva desenvolvendo durante case dúas décadas —desde 2002—, sendo unha das plataformas pioneiras no seu ámbito.

Sobre o galardón, Sierra explicou que "é unha iniciativa conxunta de Alumni e ou Consello Social para recoñecer actividades solidarias ou humanitarias". "Este premio empezouse a entregarse no ano 2004, pero a partir do 2010 deixou de convocarse. No mes de setembro deste ano decidimos reactivalo e volver convocar unha nova edición, coa ilusión de darlle estabilidade e de que se converta nun referente da solidariedade na nosa comunidade", indicou a presidenta do Consello Social da USC.

"É UN ORGULLO". Sierra felicitou a María del Carmen Pena polo seu gran labor social, que Afalu desenvolve en centros en Lugo, Friol, Vilalba, As Nogais e que agora estendeu tamén a Ourense. Nun acto con marcado acento lucense, sumouse tamén aos parabéns o vicepresidente de Alumni, Carlos Ferreiro Latorre, químico de Lugo e profesor da USC. "A labor de Afalu, que atende entre 140 e 150 enfermos de Alzhéimer, é encomiable", eloxiou.

A presidenta da entidade premiada recolleu os afagos e agradeceu o galardón, "un orgullo para toda a asociación e o traballo que levamos vinte anos facendo". María del Carmen Pena chamou a seguir apoiando con todos os medios a quen sofren Alzhéimer, que son "máis de 70.000 galegos".