Confirman a pena de 17 anos de prisión para un home por abusar da súa noiva de 15

Entre outras situacións, o condenado obrigaba á vítima a permancer encerrada nos aseos durante os recreos e esixíalle videochamadas e gravacións constantes para asegurarse de que non lle mentía

Audiencia Provincial de A Coruña. AEP
photo_camera Audiencia Provincial da Coruña. AEP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena a 17 anos de cárcere a un home por maltratar e abusar da súa noiva de 15 anos, informan fontes do alto tribunal.

A Sala do Civil e Penal rexeitou os recursos presentado por este home que, en 2017, cando tiña 20 anos, maltratou de forma habitual, acosou e abusou sexualmente da súa compañeira sentimental, quen entón tiña 15 anos.

Ademais, foi condenado por facilitar á menor o consumo de droga.

Os maxistrados consideran acreditado que someteu á adolescente a situacións "de violencia física e psíquica", polo que "a culpabilidade do acusado quedou establecida máis aló de toda dúbida razoable".

Así, indica que a sentenza apelada da Audiencia Provincial da Coruña é "exhaustiva, minuciosa e extremadamente fundada" e constata, do mesmo xeito que a sección primeira, que o procesado, "con ánimo de menoscabar a integridade física e psíquica da súa parella", exerceu "un control e manipulación sobre ela que se manifestou en múltiples aspectos da súa vida".

O condenado, segundo a resolución, revisaba o móbil da menor e esixíalle que lle comunicase en todo momento onde se atopaba, así como que se gravase durante horas ou efectuase vídeochamadas para asegurarse de que non lle mentía.

Tamén cambiou os contrasinais das súas redes sociais e instalou no seu terminal telefónico unha aplicación que servía para bloquear o acceso a outras, "limitando e controlando así os seus contactos con terceiros".

Na resolución de primeira instancia considérase ademais acreditado que o procesado impedíalle usar roupa axustada e que a obrigaba a permanecer encerrada nos aseos durante os recreos do seu centro escolar e gravarse para evitar que tivese contacto cos seus compañeiros.